O meu cos brownies é unha relación de amor xa duradeira. Penso que foi unha das primeiras receitas, se non a primeira, en saírme ben. E aínda lembro como todo o mundo louvaba os meus brownies (estes con crema de queixo) e era unha desas receitas que non me importaba voltar facer unha e outra vez. E iso é raro, porque non adoito repetir. E xa levamos unhas poucas receita de brownies: de matcha, con crema de bolacha Lotus, vegano con cabaciña e os blondies con chocolate branco. Mais este brownie de banana tocaba facelo si ou si. Despois de probalo e devecer polo seu sabor, tiña que facelo eu na casa para poder comelo máis acotío.
E a idea xurdiu porque eses días de calor que tivemos hai pouco fixeron que algunhas das bananas que tiñamos comezaran a estar maduras de máis. Hai con outras froitas que non me importa, mais as bananas moi maduras non me saben nadiña así. Mais para facermos sobremesas son ideais. En resumo, o universo estaba tratando de dicirme que usara esas bananas para un brownie. Os ingredientes, sinxelísimos, deses que sempre temos na casa. E o paso a paso, basicamente mesturar. O enfornado é un chisco máis longo que de costume ao levar a banana, mais estes días que voltou o frío aínda se agradece acender o forno de novo.
Ingredientes
110 gramos de fariña
1/2 culleradiña de fermento químico
1/2 culleradiña de sal
300 gramos de azucre
120 gramos de manteiga derretida
3 ovos
2 culleradiñas de esencia de vainilla
55 gramos de cacao en po
85 gramos de pingas de chocolate ou chocolate en anacos
2 bananas moi maduras
Preparación
- Mesturamos por un lado a fariña, o fermento e o sal.
- Noutra cunca, mesturamos o azucre, a manteiga, os ovos e a esencia de vainilla.
- Despois esmagallamos as bananas ben maduras e engadímolas tamén.
- E por último, botamos o cacao en po e as pingas de chocolate.
- Agora só temos que enfornar a 180ºC durante uns 60 minutos, dependendo do forno e do molde. O meu era de 25×20 e aínda quedou ben gordiño. Para saber se xa está, só temos que cravar un escarvadentes no centro e debe saír ou limpo, ou con algunha fungalla pegada.
O paso máis difícil é este, agardar a que arrefríe. Non vos adiantedes, porque se o cortades moi quente, pode que vos rompa. O mellor é cortalo sempre con coitelo de serra, e se tedes algún pola casa que sexa de plástico, mellor aínda. Se é un día de verán ben solleiro, o acompañamento perfecto é un xeado ou ben un pouco de nata. Quentades o brownie no microondas uns segundiños e botamos o xeado por riba para que se derreta. Puro pracer. Así, as pinguiñas de chocolate derrétense de novo e aínda queda o brownie máis cremoso. É un brownie contundente, mais xa vos digo que é difícil coller un anaco pequeno e non repetir.