Madalenas veganas de banana e amoras

Non sei se vos contei algunha vez que me gusta moito ir apañar amoras. Non é que atope moitas, mais para facer unha lambetada sempre chegan… Ou non. Porque ir con dous lambóns de amoras, non o pon moi sinxelo. Así que a solución é ir moitas veces, para poder xuntar unha cantidade decente 🙂 Aínda que ao natural é como mellor están, sempre está ben aproveitar a escusa para lamberetear.

madalenas veganas

E agora coa calor, as bananas maduran moito máis rápido e decontado nos xuntamos cunhas poucas bananas moi maduras. E aínda que crúas non teñan un grande sabor (a min persoalmente non me gustan) para o pan de banana están no seu punto perfecto. Así que non tiredes nunca as bananas moi maduras porque están moito máis doces e quedaranvos uns biscoitos con moi bo sabor e aos que teredes que engadir moi pouco azucre. E cunha textura coma a destas madalenas veganas, esponxosa, húmida e moi cremosa. A receita é moi sinxela. Só mesturar os ingredientes e enfornar.

madalenas veganas

Ingredientes para unhas 9 madalenas

  • 4 bananas moi maduras

  • 50 gramos de azucre branco

  • 70 gramos de aceite de xirasol

  • 170 gramos de fariña triga

  • 1/2 culleradiña de sal

  • 1 e ½ culleradiñas de fermento químico

  • 75 gramos de chocolate branco

  • 150 gramos de amoras

Preparación

  • Facemos un puré coas bananas maduras axudándonos dun garfo. Poñemos o forno a quentar a 180ºC.
  • Engadimos o azucre e mais o aceite.
  • Mesturamos a fariña, o sal e o fermento. E tamén os batemos co resto dos ingredientes. Sen bater de mais.
  • Cortamos o chocolate branco en anacos e engadímolo xunto coas amoras.
  • Botamos nos moldes ata cubrir uns 2/3 da súa capacidade.
  • E enfornamos a 180ºC durante uns 45 minutos.

Como vedes, estas madalenas veganas levan moi pouco azucre porque as bananas e o chocolate branco xa lle dan a dozura que precisa. Podedes tamén empregar outras froitas como amorodos, framboesas ou arandos. Ou cambiar o chocolate branco por outro chocolate, ou non llo botar. Se non incorporades o chocolate branco, botade uns 25 gramos máis de azucre, para compensar o sabor doce.

madalenas veganas

Se tedes fariña de biscoitos, tamén a podedes usar e non precisades engadir nin fermento nin sal. A min saíronme 9 porque estes moldes dd madalena son un chisco máis grandes. Quizais se as facedes cos de sempre, vos saian máis. Cómpre deixalas arrefriar antes de desmoldalas. Aguantan varios días cunha textura perfecta fóra da neveira. E son perfectas para almorzo, merenda ou sobremesa.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.