Este brownie de té matcha é a típica receita de sobremesa xaponesa que non é moi larpeira, mais non podes parar de repetir e acabas por comer todo o brownie nun día e con ganas de facelo (e comelo) outra vez. Xa vos adianto que o resultado non é un brownie moi doce, mais o conxunto do doce do chocolate branco, xunto co amargor do té matcha, remata sendo unha maridaxe que resulta perfecta, tanto no sabor como na textura.

E tamén vos confeso que na primeira trabada pensei que non me ían gustar, pois agardaba un sabor moito máis azucrado. Supoño que polo costume de facer lambetadas cun exceso de azucre, que ao final non nos deixan nin gozar do sabor real de cada ingrediente. Eu recomendaríavos que non caiades na tentación de engadirlle máis azucre, e que non xulguedes esta marabilla de brownies na primeira proba.

Déixovos outra imaxe para que o vexades ben de preto e, por se aínda non vos convencín, xa caiades totalmente na tentación. Para que quede así máis gordiño, o molde non ha de ser moi grande. Eu non tiña un molde tan pequeno, e fixen unha adaptación cun molde que xa tiña. No paso a paso púxenvos unha imaxe.
Ingredientes
20 gramos de té matcha
80 gramos de chocolate branco
70 gramos de fariña triga
40 gramos de noces
70 gramos de manteiga
60 gramos de azucre
2 ovos
2 culleradas de leite
preparación
- Xirgamos o té matcha e maila fariña. Reservamos.
- Mesturamos a manteiga e mailo azucre ata que fique cremoso.
- Engadimos os ovos e mesturamos de novo.
- Derretemos a metade do chocolate xunto co leite.
- Engadimos a fariña e o té á mestura de manteiga.
- Botamos tamén o chocolate desfeito co leite.
- E a metade das noces picadas.
- Botamos a mestura no molde e engadimos o resto das noces picadas e o chocolate picado.
- O molde ha de ser de 15×15 cm. Como eu non tiña un deste tamaño, fixen unha pequena adaptación, como podedes ver na imaxe.
- Enfornamos a 170ºC durante uns 20 minutos. E listo!
É moi importante agardar a que o brownie de té matcha estea totalmente frío para cortalo, pois se nos apuramos, corremos o risco de que rompa. E como xa sei que vós só lle vedes a boa pinta e que, obviamente, non o podedes probar así desde o blogue, só me quedar dicirvos que o sabor é moito mellor aínda do que semella. Se sodes seareiras do té matcha coma min, xa estades tardando!