Hai biscoitos e biscoitos e o pan de banana é deses que sempre enchen o ollo. Ademais, agora que comeza a facer calor, as bananas maduran moito máis rápido. E cómpre ter pola man algunha receita para non ter que tiralas, que é unha mágoa. Así que esta receita de pan de banana e chocolate é ideal para aproveitar as bananas maduras.
Aínda que xa fixemos no blogue a receita tradicional, tiñamos que probar a versión con cacao. E a verdade é que se xa probastes o outro, este vaivos gustar de seguro! E se xa lle engadimos as pingas de chocolate branco… Que mais se pode pedir? Fica un pan húmido, tenro, suave, que se desfai na boca. E cun sabor a chocolate e a banana que combina de marabilla. Co punto de dozura perfecto, estou segura de que ha resultar ben difícil que só comades un anaquiño.
O paso a paso non pode ser máis sinxelo. Ingredientes secos por un lado, húmidos por outro e mesturar. Por suposto as pingas de chocolate poden ser do chocolate que máis vos guste. Eu fíxeno con anacos chocolate branco porque é o meu sabor preferido e porque prefiro cortalo eu co coitelo e que queden anacos máis grandes.
Ingredientes
4 plátanos ben maduros
60 gramos de manteiga desfeita
60 ml de aceite de oliva suave
2 ovos batidos
1 culleradiña de esencia de vainilla
100 gramos de azucre branco
100 gramos de azucre moreno
150 gramos de fariña
50 gramos de cacao
1 belisco xeitoso de sal
150 gramos de chocolate branco
Preparación
- Nun cunco, mesturamos as bananas feitas puré cun garfo, manteiga, aceite, ovos e vainilla. Poñemos o forno a quentar a 175ºC.
- Engadimos os azucres e batemos de novo.
- Mesturamos os ingredientes secos: fariña, cacao, bicarbonato e sal.
- Botamos todo sobre a mistura húmida e mesturamos.
- Engadimos o chocolate branco, xa picado.
- Bota a masa sobre un molde de 30×20, forrado con papel de enfornar. Recorda que se o mollas, será moito máis sinxelo de colocar.
- Enfornamos durante uns 50-60 minutos ou ata que un escarvadentes cravado no centro saia cunhas poucas fungallas pegadas.
- Deixamos que arrefríe e sacámolo do molde.
Aguanta uns días en perfecto estado sempre que quede tapado. Tamén se pode conxelar en porcións ou todo xunto. Se queredes que os anacos de chocolate se desfaga, podedes poñer o anaco que vaiades tomar uns segundiños no microondas. Perfecto para almorzo, merenda ou sobremesa. Ide con ollo, que está moi bo, e logo se acaba.