Se hai algo co que me gusta cociñar son os produtos da horta e do campo. De aí as miñas receitas con estrugas ou chorimas. Son ingredientes que a natureza nos ofrece e que moitas veces non se comen por descoñecemento ou medo. Eu sabía que coas flores do mexacán se podían facer infusións, mais non sabía que as súas follas eran comestíbeis. E tamén o son as súas raíces. En definitiva, toda a planta se pode aproveitar para uso culinario. Por sorte, non son algo complicado de atopar, de feito eu collinas no campo arredor da casa. E o bo que teñen é que a súa flor é moi recoñecible, e non hai medo a trabucarnos.
Esta receita e o descubrimento foron grazas a un libro de receitas chamado Foraged and Grown escrito por Tara Lanich-LaBrie. E coas follas do dente de león preparaba unhas pakoras. As pakoras de dente de león son ben sinxelas de preparar e non requiren de moitos ingredientes. O sabor das follas non é moi forte, nin amargo, o que fará que seguramente vos guste como saben. Tampouco teñen un sabor moi particular, mais non deixan de estar boas e casar ben co crocante da masa das pakoras. O meu consello é que non as deixedes moi cubertas de masa e as escorrades ben, pois saben mellor se non van enchoupadas. Que se vexa a folla, vaia.
Ingredientes
Unhas 20 follas de plantas de dente de león
90 gramos de fariña de garavanzos
1 culleradiña de sal
2 culleradiñas de cúrcuma
120 ml de auga
aceite de oliva ou xirasol para fritir (2 ou 3 culleradas)
Preparación
- Lavamos ben as follas de dente de león.
- E preparamos a masa. Mesturamos todos os ingredientes e batemos ben ata que estea todo ben integrado.
- Despois poñemos unhas 2 ou 3 culleradas de aceite a quentar nunha tixola.
- Cando o aceite estea quente, imos mollando as follas de unha en unha na mestura. Escorrémolas ben, para que non leven un exceso de masa e poñémolas a fritir. (Non as deixedes como as miñas desta foto! Que estas foron as primeiras e despois aprendín. Escorrédelle ben a masa)
- Cando a masa das pakoras fique seca, xa lles podemos dar a volta e deixalas uns minutos polo outro lado ata que fiquen crocantes e un chisco douradiñas.
- Deixámolas sobre un papel absorbente.
Mellor degustalas quentiñas e crocantes. Se non vos presta moito a cúrcuma, podedes botarlle menos cantidade, ou non botarlla directamente. Agora que semella que virán uns días de sol, eu anímovos a preparar estas pakoras de dente de león. De seguro que ás crianzas tamén lles gustará acompañarvos a coller as follas do mexacán e preparar esta receita. Se a preparades, xa me contaredes que vos pareceu o seu sabor e a súa textura.