Brownie con crema de Lotus

A historia deste brownie podería resumirse en: cousas que penso que só me pasan a min. Tendo en conta, ademais, que teño un blogue de cociña. Cando souben que o día 11 de novembro era o día do brownie, púxenme a pensar a ver que brownie podía facer. Tiña que ter en conta que xa teño un con crema de queixo, outro con noces, outro vegano, un de té matcha e un blondie. Recordei cando fixera unha torta con crema de Lotus que vos gustara moito. Entón pensei en facer uns brownies con crema de Lotus. Os ingredientes máis ou menos xa os controlo, así que non tiña que pensar moito que mercar. Chegou o día e púxenme mans á obra a facer o brownie con crema de Lotus.

brownie con crema de Lotus

O primeiro que non tiña era un molde pequeno. Non pasa nada, pensei. Adapto un grande que teño con papel de aluminio, e xa está. Era algo que xa fixera máis veces, polo que sabía que ía saír ben. Póñome a preparar os ingredientes e vexo que non teño cacao. Como é posíbel? Se sempre teño cacao. Pois por cousas da vida, non tiña. E como sempre penso que teño porque o bote dura moitísimo, non o merquei. Tanto ten, pensei. Podo facer brownies con chocolate, sen o cacao. (Por certo, se vos pasa que tedes cacao, e non chocolate, estes de Katharine Hepburn son sen chocolate, só con cacao. E están boísimos!)

brownie con crema de Lotus

Póñome a mirar o chocolate que teño, pensando que tiña unha barra enteira e máis un anaco. E resulta que o chocolate que tiña era branco! Era destes de facer sobremesa, e como teñen o mesmo papel de cor marrón e só o vía polo lado, pois pensaba que era negro. A ver como demo facía eu un brownie sen cacao nin chocolate. En fin. Remexín un pouco polas cousas que teño para facer lambetadas, e descubrín unhas pingas de chocolate. A miña salvación! Con aquel anaco de chocolate negro e máis as pingas, chegábame para facer un brownie. Menos mal! Aclaro que non podía ir mercar nese momento. Que xa sei o que estaredes pensando 🙂 Así que se a min me saiu un brownie boísimo con todas estas lerias, non vos quero contar a vós, que de seguro que preparades todo mellor ca min 😉

Ingredientes

  • 190 gramos de chocolate negro

  • 150 gramos de manteiga

  • 200 gramos de azucre moreno

  • 2 ovos

  • 1 culleradiña de esencia de vainilla

  • 100 gramos de fariña triga 

  • 1 belisco de bicarbonato

  • 1 belisco de sal

  • Uns 200 gramos de crema de Speculoos/Lotus/Biscoff + outra pouca para a parte superior

  • 5/6 bolachas Lotus en anacos

preparación

  • Preparamos o recheo: Metemos o bote de crema de Speculoos no microondas durante 15 segundos. Remexemos e voltamos repetir, para que teña unha textura máis líquida. Botamos unha capiña (intentade que quede ben gordiña) do tamaño do noso molde (neste caso 20×20) sobre un papel de forno e deixámola no conxelador mentres preparamos o brownie. Deste xeito, a crema non se mesturará coa masa do brownie e notarase mellor o seu sabor. brownie con crema de Lotus
  • Preparamos o brownie: desfacemos no microondas o chocolate e mais a manteiga.brownie con crema de Lotus
  • Cando estean desfeitos, engadimos o azucre, o sal, o bicarbonato e a vainilla e mesturamos ben.
  • Engadimos tamén os ovos. Batemos.brownie con crema de Lotus
  • E, por último, a fariña triga. Mesturamos todo ben, sen remexer de máis.brownie con crema de Lotus
  • Forramos o noso molde con papel para o forno e botamos a metade (máis ou menos) da masa sobre o molde. Extendémola cunha culler.brownie con crema de Lotus
  • Sacamos do conxelador a crema. Poñemola sobre a masa e imos sacando o papel. Se rompe, non pasa nada, colocámola igualmente.brownie con crema de Lotusbrownie con crema de Lotus
  • Botamos por riba o resto da masa de brownie.
  • Metemos outro chisco o resto da crema no microondas e botamos unha pouca por riba, axudándonos dunha culler.brownie con crema de Lotus
  • E colocamos as Lotus en anacos pola parte superior como máis nos preste.brownie con crema de Lotus
  • Enfornamos a 165ºC durante 35 minutos.brownie con crema de Lotus

Para degustalo, mellor deixalo sempre arrefriar por completo. Este é bo consello para calquera receita de brownie, sobre todo se sodes moi ansias coma min. E para poder cortalo sen dificultade, farémolo sempre cun coitelo que non sexa de serra. Mollamos durante un pouco os dous lados da folla do coitelo en auga moi quente, secámolo e cortamos sempre con movementos fortes cara abaixo e nunca arrastrando o coitelo. É importante tamén limpar o coitelo de cada vez, pois senón van quedando anacos pegados e non quedará ben cortado o resto do brownie. E se o precisaramos, podemos voltar meter o coitelo en auga quente. Deste xeito, sempre quedará moi ben cortado. 

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.