Hoxe é o Día Mundial das Croquetas e para festexalo, aquí vai un artigo coas mellores (e únicas) receitas que temos no blogue. Hainas para todos os gustos, de verduras, carne, queixo… E con diferentes rebozados. Polo que se es seareira ou seareiro das croquetas, este é o teu artigo! E se hai algunha que botes moito de menos, non dubides en deixar o teu comentario dicíndonos cal che gustaría ver polo blogue. Que de croquetas seguro que nos animamos a preparala 😉
Comezamos e rematamos coas de xamón. Foi unha das primeiras receitas do blogue e, polo momento, unha das últimas. Un clásico que sempre presta. Estas levan queixo parmesano no pan relado e, por se nunca o probastes, eu recoméndoo moito!
Non podían faltar as de rixóns. Moi cremosas e cunha das mellores combinacións do mundo: queixo e rixóns. Fixástesvos no ben que queda o sésamo no pan relado?
E se facemos o rebozado con patacas fritidas de bolsa? Extra crocantes e aproveitando o polo asado.
Nunca probaches as algas? Pois que mellor que con estames cadradiños de leitugas de mar.
Case vos diría que son as miñas croquetas favoritas. E iso que a min os grelos non me acaban de aquelar. Mais estas boliñas son unha trabada de deuses. Así que se sodes coma min, e os grelos non devecedes polos grelos, probade a tomalos así veredes que cousa rica.
E non podían faltar as de cogomelos cun rebozado sen ovo.
E as de luras con tinta? Que me dicides destas boliñas tan orixinais?
Probamos outro rebozado diferente? Desta vez, con millo salgado crocante.
Croquetas de queixo azul e millo
Sempre lle teño moito agarimo a esta receita porque non a tiña pensado poñer no blogue e aquí está por aclamación popular.
Que sobra carne? Pois a facer estes cadradiños cun chisco de chourizo, para darlles máis alegría.
Cadradiños de carne e chourizo
Se aínda atopades cogomelos polo monte, non é mala idea facer estas boliñas. Veredes que sabedeiras!
Sobrou botelo do cocido e atopamos unha boa parella, o San Simón, para facermos un casamento nestas boliñas.
E como xa vos dixen, rematamos como comezamos, cos clásicos.
Como vedes, hai moita variedade. Algunhas son de aproveitamento e outras son empregando ingredientes que nos gustan moito. Podedes facer os cambios que vos parezan e empregar aqueles ingredientes que máis vos enchan o ollo. A min gústame moito variar o recheo, mais tamén ir facendo probas co rebozado. Hai quen lle engade algún prebe posterior e lle dá formas diferentes. O importante é gozar deste pequeno petisco ao máximo! Bo proveito!!!