Levaba xa un tempo coa teima de facer gratin dauphinois na casa. Probárao hai xa uns anos nun restaurante francés e quedara namorada. Non é un prato complicado. De feito, o único que se precisa para preparalo é tempo. O demais, basicamente preparar as patacas e engadir nata e leite.
O resultado, unhas patacas brandiñas cun prebe de nata moi cremoso cun sabor que sorprende. Aínda que poida parecer, non leva queixo por riba, mais se vos apetece botarllo, seguro que lle queda ben. A receita ten a súa orixe no sur de Francia, no nome dunha antiga provincia, chamada Dauphiné. Hai diferentes versións. E hai quen coce primeiro as patacas no leite coa nata. A min paréceme máis sinxelo así. Enfornar e agardar dá moito menos traballo. E a verdade é que a pementa e o allo danlle ao prebe un incríbel sabor.
Ingredientes para 6 persoas
1.5 kg de patacas
1 dente de allo
800 ml de nata
200 ml de leite
Sal
Pementa
Preparación
- Pranamos e cortamos as patacas e picamos o allo.
- Botamos un pouco de nata na base do molde.
- E colocamos una base de patacas.
- Botamos sal, pementa e un pouco de allo picado.
- Botamos o resto da nata mesturada co leite, ata que queden as patacas tapadas.
- E seguimos poñendo capas de patacas con allo, sal e pementa e tapándoas coa mestura de leite e nata.
- Cando rematemos as patacas, botamos o resto de nata e leite que nos sobrara e enfornamos a 150ºC durante 1 hora e 45 minutos, aproximadamente. Canto máis tempo boten a lume baixo, máis cremosas quedarán as patacas.
Non teñades a tentación de subirlle a temperatura ao forno, pois aínda que semella que a parte superior non vai quedar torradiña, comezará a torrarse cando leve máis ou menos 1 hora e cuarto. Xa vedes que a preparación non ten ningunha dificultade, só enfornar e agardar. Nós tomámola como prato mais é un excelente acompañante de carne, peixe ou verduras, e é ideal porque non hai que estar pendente e sempre está quentiño e no seu punto.