Se hai unhas bolachas típicas de Nadal son as bolachas de xenxibre! E é que ese arrecendo a especias que queda por toda a casa semella que dá unha calor especial para estes días de frío. Hainas de moitos tipos, formas e tamaños. E aquí no blogue tamén xa hai algunhas. Xa fixemos uns bonecos de xenxibre e unhas bolachas de xenxibre decoradas con glasado que estaban incríbeis. Desta vez, fixemos unha versión con cacao e decorámolas para que quedaran así de feitiños estes bonecos de chocolate e xenxibre.

A min o sabor a xenxibre nas bolachas gústame moito. Tamén podedes empregar outras especias como a canela ou o cravo, que tamén lle quedan moi ben. Para decorar, un pouco de chocolate branco e algún xel de azucre de cores. Se non tedes xeles, podedes tinguir con corantes o chocolate branco. Ou decorar todo con chocolate branco. Ou deixalas sen decorar, que precisar, por sabor, non o precisan. O que non podemos negar é que así quedan moito mellor.

Ingredientes para unhas 25 bolachas
200 gramos de manteiga
115 gramos de azucre
65 gramos de azucre en po
1 ovo
350 gramos de fariña
1 belisco de sal
1 cullerada de cacao
1/2 culleradiña de xenxibre
chocolate branco
xeles de cores
Preparación
- Mesturamos todos os ingredientes e amasamos ata ter unha bóla de masa.
- Botamos fariña sobre a mesa de traballo e estiramos a masa co rolo de amasar ata que teña uns 4 mm de grosor.
- Cun cortabolachas con forma de boneco, imos cortando as bolachas.
- Enfornamos a 200ºC durante uns 8-10 minutos, controlando sempre o forno.
- Deixamos que arrefríen sobre a grella.
- Cando estean frías, derretemos o chocolate branco e poñémolo nunha bolsa de plástico de conxelar. Facemos un furadiño nunha das súas puntas e decoramos as bolachas.
- E facemos o mesmo cos xeles de cores. Estes eran uns que tiña do Samaín, que merquei no Tiger.
Como vedes, o paso a paso é moi sinxelo. A cantidade de bolachas depende do grande que sexa o cortabolachas ou do finiña que deixedes a masa. Estes bonecos de chocolate e xenxibre fanse ben axiña polo que é mellor estar pendente do forno para non nos despistar. Ademais, de seguro que as crianzas vos botan unha man niso de preparalas e decoralas. E se non lles gusta a cociña, de seguro que vos han axudar a degustalas.