Bolachas de estrelas

Cando comeza esta época de frío, semella que dá gusto prender o forno e poñerse a enfornar lambetadas. Eu gosto moito de facer bolachas. Son pequenas, bonitiñas e pódense levar nun peto 🙂 E ademais, unhas bolachas caseiras feitas con todo o noso agarimo, sempre son unha boa opción de agasallo. Estas bolachas onde se mesturan masas de cores hai xa tempo que me tiñan roubado o corazón. Quedan tan bonitas! Non é que sexan moi sinxelas, mais o resultado destas bolachas de estrelas é espectacular. E o seu sabor manteigoso, tamén!

Estas bolachas de estrelas pódense facer de cores diferentes. Eu quería darlles un toque de Nadal e facelas vermellas e verdes, mais o vermello quedou bastante rosa e non tiña máis corante. O bo das verdes é que non precisan corante, pois empregaremos té matcha para tinguir a masa. Podedes engadirlle a esencia que máis vos preste para darlle sabor. Eu boteille vainilla, mais tamén podedes botar limón, anís, azar ou laranxa.

Ingredientes para unhas 20 bolachas

  • 200 gramos de manteiga

  • 115 gramos de azucre

  • 65 gramos de azucre en po

  • 1 culleradiña de esencia de vainilla

  • 1 ovo

  • 400 gramos de fariña

  • 1 belisco de sal

  • corante vermello ao gusto

  • 1 culleradiña de té matcha

Preparación

  • Mesturamos todos os ingredientes a amasamos ata ter unha bóla de masa.
  • Pesamos a masa e dividímola en dous anacos.
  • A un deles engadímoslles corante vermello e amasamos ata que toda a masa estea tinguida por igual. Eu engadín 1 cullerada de fariña para compensar o corante porque era líquido. Polo que, dependendo do corante que botedes, igual hai que engadir máis fariña.
  • Á outra masa, botámoslle a culleradiña de té matcha. Eu paseime un chisco e boteille unha cullerada. Ide botando ata que vexades que queda ben de cor, tendo en conta que o sabor é forte 🙂
  • Botamos unha boa cantidade de fariña sobre a mesa e estiramos as dúas masa co rolo de amasar ata que quede cun grosor duns 4 mm.
  • Cun cortabolachas en forma de estrela, imos facendo estreliñas nas dúas masas.
  • Despois, só temos que poñer as estrelas da masa verde na masa rosa/vermella e viceversa. Non é tarefa sinxela, pois non sempre queda igual. Teremos que ir movendo a masa estirada para que vaia quedando pegada ás estrelas que imos poñendo.
  • Tamén podemos poñer un anaco de papel de forno enriba da masa e pasar o rolo de amasar moi suave por riba.
  • Cun cortabolachas redondo, imos cortando as bolachas. Temos que ter tino á hora de sacalas, para que non se desconxunten as estrelas 😀
  • Enfornamos a 200ºC durante uns 8-10 minutos Cómpre estar pendente do forno porque dependendo do forno pode variar o tempo e a temperatura. Cando vexades que comezan a estar algo douradiñas polas beiras, xa están.
  • Deixamos que arrefríen sobre a grella.

Estas bolachas de estrelas quedan crocantes e cun sabor moi rico a manteiga. O belisco de sal cómpre que sexa xeneroso, que lle queda moi ben. Se non as queredes facer de estrelas, podedes empregar calquera outro cortabolachas que teñades a man. Ou ben unha tapa dun bote ou botella.

Eu non aproveitei os recortes que quedaban de facer as bolachas de estrelas, mais podedes, por suposto, aproveitalos e facer máis bolachas con esa masa de cores, que de seguro quedan fermosísimas. Se queredes, tamén lles podedes facer un burato antes de enfornar para poder penduralas da árbore de Nadal.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.