Non vos imaxinades que arrecendo máis marabilloso deixan estas bolachas por toda a casa. De seguro que cando as fagades, calquera que ande por alí, irá para a cociña a toda velocidade a ver que andades a facer. E todo isto porque as bolachas Linzer deixan un aroma especial a froito seco torrado, manteiga e canela que namoran a calquera.
E con este arrecendo taaan rico, non había época mellor para facelas que o Nadal. Moito mellor que as candeas especial Nadal, e, sobre todo, coa inmellorable posibilidade de degustalas despois, claro. Saen moitas, mais non vos pensedes que vos han sobrar, non, non. Han voar, xa volo digo! Ademais, podedes gardalas nunha lata e aguantan varios días, para poder ir petiscando de cando en vez. Se as gardades sen o recheado, fican crocantes. Se as gardades recheadas, van quedando máis brandiñas. Sexa como for, están boísimas!!!
Para o recheo, eu empreguei marmelada de amorodo e marmelada de pexego, que son os máis típicos. Mais se queredes darlles un toque máis larpeiro a estas bolachiñas, nada mellor que un pouco de Nutella, chocolate ou crema de Lotus. Os ingredientes son moi sinxelos e o paso a paso rápido. Eu teño un cortabolachas especial, mais non é preciso. Con dúas tapas de calquera cousa que teñades pola casa, sendo unha máis grande e outra máis pequena, xa estaría.
Ingredientes para unhas 40 bolachas
70 gramos de améndoa moída
225 gramos de manteiga sen sal
200 gramos de azucre branco
1 culleradiña de esencia de vainilla
2 xemas de ovo
270 gramos de fariña triga
1 culleradiña de fermento químico
1/2 culleradiña de sal
1/2 culleradiña de canela
Marmelada de pexego
Marmelada de amorodo
Azucre en po
Preparación
- Comezamos torrando a améndoa moída nunha tixola a lume medio-baixo ata que fique douradiña.
- Batemos a manteiga, o azucre e a esencia de vainilla ata que fique unha masa cremosa.
- Engadimos e batemos as 2 xemas.
- Mesturamos fariña, sal, fermento, canela e a améndoa torrada.
- Engadímolo todo á masa de manteiga. Pesamos a masa, dividimos entre dous e formamos dúas bólas. Tapamos e refrixeramos durante mínimo media hora. (Eu fíxenas de un día para outro, mais non é preciso. Só é para que a masa sexa máis doada de manexar).
- Enfariñamos a mesa de traballo e poñemos unha das masas. Empregaremos unha masa para a bolacha inferior e outra para a bolacha superior.
- Amasamos co rolo ata que quede cuns 4 mm de espesor. E imos facendo as formas co cortador de bolachas. O meu é especial para estas bolachas e xa vai facendo tamén a do medio. De non ter un así, facede primeiro as bases e despois ides sacando os medios con outra tapiñas ou cortabolachas máis pequeno. Faremos así coas bolachas que irán na parte de arriba.
- E tamén coas da parte de abaixo.
- Enfornamos a 175ºC durante uns 6-8 minutos ou ata que vexades que comezan a ficar douradas polas beiras. As que teñen o debuxiño quedan máis torradiñas que as outras, porque teñen menos masa. Podedes poñer unhas 20 por bandexa, pois pódense poñer bastante xuntiñas, pois non medran moito.
- Deixade que arrefríen uns 5 minutiños na bandexa e despois pasádelas á grella a que arrefríen de todo. Para que non collan humidade e fiquen crocantes.
- Cando xa estean frías, só queda botarlle azucre en po as bolachas do debuxiño, que son as que irán na parte superior.
- Botar marmelada na bolacha base.
- E tapar coa bolacha á que lle botamos o azucre.
- E así iremos facendo coas dúas marmeladas e todas as bolachas.
Como vos dixen antes, se as gardades sen o recheo, fican crocantes uns días. Se as recheamos, acabarán por amolecer un chisco, mais non o vexades como un inconveniente, posto que así tamén collen o sabor da marmelada e están de vicio. A min gustáronme dos dous xeitos. E se sodes de agasallar cousiñas feitas por vós, estas bolachas Linzer son ideais, pois son moi feitiñas e ademais moi sabedeiras. E podedes poñerlle dentro o ingrediente que máis vos guste a vós, ou a quen reciba este agasallo. Se de casualidade, tedes noces ou abelás na casa, tamén as podedes empregar en troques da améndoa. Hai quen engade tamén un toque de limón relado e un chisco de zume. Se sodes de limón, ou se os tedes pola casa, podedes tamén probar. Eu hei facer a proba a próxima vez que as prepare.