Sopa de cebola

Non tomaba sopa de cebola desde o meu primeiro embarazo. E de iso hai xa 5 anos. Debo confesar que eu non vos son moito de sopas. Gústame máis o caldiño, que esa chea de fideos da sopa. No fondo, sempre penso que para comer unha chea de pasta, mellor que sexa con carbonara ou amatriciana 😉 Mais a sopa de cebola é outra cousa. E iso que non deixa de ser cebola con caldo. Mais vaia saborazo. Quenta corpo e alma, e senta de marabilla. Como leva os carochos e o queixo, non lle cómpre moito máis para ser un prato completo.

sopa de cebola

Co tema do queixo, eu recomendo moito o Gruyere. Ten un sabor máis neutro, que nin modifica nin tapa o sabor da sopa. Nós probamos a facer esta sopa con caldo de verduras e caldo de tenreira. As dúas estaban moi boas, polo que podedes escoller a que máis vos preste.

sopa de cebola

Ingredientes

  • 50 gramos de manteiga

  • 4 cebolas brancas (450 gramos)

  • 1 litro de caldo de tenreira ou verduras

  • 1 cullerada de fariña triga

  • Pan para facer carochos (croutons)

  • Queixo Gruyere ao gusto

Preparación

  • Botamos manteiga nunha pota e deixamos que se desfaga.
  • Cortamos as cebolas en xuliana e engadímolas á pota. Salgamos.sopa de cebola
  • Deixamos que se cociñe a lume medio durante uns 25 minutos ou ata que vexamos que a cebola comeza a acaramelarse e coller unha cor dourada. Cómpre ir remexendo de cando en vez.sopa de cebola
  • Botamos a cullerada de fariña e mesturamos. Hai quen non a bota, mais fai que quede un pouco máis cremosa.sopa de cebola
  • Engadimos o caldo pouco a pouco mentres imos remexendo.sopa de cebola
  • Cando xa teñamos todo o caldo botado, deixamos que se cociñe todo durante outros 25 minutos máis. Pódese tapar, mais non lle fai falta. Probamos de sal.
  • Mentres se vai reducindo o caldiño, podemos facer os carochos. Ou mercalos feitos, como queirades. Só temos que cortar o pan en anacos e fritilo nun chisco de manteiga ata que fiquen crocantes.sopa de cebola
  • Botamos a sopa nuns cuncos que poidamos levar ao forno. Nós empregamos as cocottes.sopa de cebola
  • Botamos por riba os carochos.sopa de cebola
  • Relamos o queixo Gruyere e botamos un pouco por riba. sopa de cebola
  • Enfornamos a 200ºC ata que o queixo se derreta.

Dicirvostamén que se empregades caldo de verduras, só tedes que cambiar o queixo por un vegano para facer unha versión vegana desta sopa. E poderíase facer sen os carochos? Podería! E sen o queixo? Pois tamén. E o seu sabor seguiría sendo boísimo. E se non me credes, probádea antes de botarllos, xa veredes que cousa rica!

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.