Yul-lan: bólas de castaña coreanas

Levaba uns días buscando unhas castañas boas para poder facer lambetadas con elas. E hoxe, que por fin puiden ir á praza de abastos, merqueinas e saíron moi boas. Así que tocaba poñerse coas mans na masa. E máis sendo cunha receita coreana. Que se aínda non o sabiades, é unha das gastronomías das que máis gosto. 

yul-lan castaña

Estas bólas de castañas, chamadas Yul-lan, son un petisco larpeiro ben xeitoso e sabedeiro. Porque non me podedes negar que son ben bonitiñas, non si? Unha lambetada de castaña con forma e aspecto de castaña. E ademais, a súa preparación e os ingredientes que precisamos non poden ser máis sinxelos. E poucos. O que máis traballo dá é ter que estonar as castañas. O resto, ben doado. Desta lambetada dise que se fixo a primeira vez como un petisco para a familia real coreana.

yul-lan castaña

Despois de investigar un chisco sobre esta receita e os distintos xeitos de facela, eu decidín cocelas na vaporeira. Paréceme que é un bo xeito de que non collan auga de máis. E así, pasamos os traballos antes de cocer e despois xa podemos pasalas polo coador en quente. Cousa que será máis sinxela. E non nos pelamos as mans tendo que sacarlle a pel cando as saquemos da pota. Polo tanto, todo vantaxes. Se aínda así, non tedes vaporeira ou vos dá preguiza e preferides facelas cocidas coma sempre, non hai problema. A receita ha saír igual e han estar boas de calquera das maneiras.

yul-lan castaña

Ingredientes

  • 20 castañas

  • 1 pitada de sal

  • 1 pitada de canela

  • 2 ou 3 culleradas de mel

  • Canela, améndoa moída e un pouco máis de mel para a base

PREPARACIÓN

  • Sacamos as peles das castañas.yul-lan castaña
  • Poñémolas na vaporeira e cociñámolas ao vapor durante uns 25 minutos ou ata que fiquen brandas.yul-lan castañayul-lan castaña
  • Botamos unhas poucas nun coador e, cunha culler, imos facendo presión para que vaian saíndo polo outro lado do coador. Así, quedará unha textura moi fina e cremosa. E se hai algunha pequena pel, tamén quedará no coador.yul-lan castaña
  • Engadimos o sal e a canela e mesturamos.yul-lan castaña
  • Botamos as culleradas de mel e amasamos coas mans ata que se mesture todo ben e quede unha masa lisa. Puxen dúas ou tres culleradas de mel, porque depende un pouco do que vos guste o mel e do doces que as queirades. O mellor é botar e probar ata que estea ao voso gusto. yul-lan castaña
  • Collemos pequenos anacos de masa (do tamaño dunha castaña) e dámoslles forma de castaña.yul-lan castaña
  • Pasamos a base pola canela en po. Ou ben botamos un pouco mel sobre a base e poñémola sobre a améndoa moída para que se pegue ben. Así, dámoslle forma e aspecto de castaña.yul-lan castañayul-lan castaña

Podedes tamén botar a canela por toda a yul-lan para que quede de cor marrón por todo e despois facerlle unha base máis escura con máis canela, ou ben coa améndoa. Podedes tamén mesturar a canela e a améndoa e facer a base coa mestura. Tamén hai quen as fai con sésamo branco, negro, té verde ou piñóns moídos. Eu recoméndovos moito que probedes a facelas ao vapor. De feito, en Corea din que así saben moito mellor. Ao estonalas antes, xa saberedes se algunha delas ten becho. E así, evitades ter que sacarlles a pel en quente, que sempre dá máis traballo. Non collen auga e quedan moi xeitosas. E se andades a pensar nun agasallo larpeiro, estas bólas de castañas son ideais. Fermosas por fóra e sabedeiras por dentro.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.