Hoxe tráiovos unha receita das que fixen para o libro d’A Cociña do Camiño de Santiago. Unha receita moi de outono cun dos produtos estrela desta estación: a castaña. A torta de castañas do Bierzo non ten unha elaboración nada complexa, e os seus ingredientes son dos que adoitamos ter a man, polo que a súa preparación resulta moi sinxela e o resultado é espectacular: un sabor intenso a castaña en cada trabada. Eu non sei vós, mais eu non podo resistirme a probar algo que leve castañas como ingrediente.

Poderiamos dicir que non é outono ata que comezan a aparecer as primeiras castañas, e que as castañas son o que máis nos recorda ao outono. Ese arrecendo a castañas do tren polas rúas de Compostela é un verdadeiro pracer todos os sentidos, mais sobre todo, para o padal. E para quentar as mans 🙂 O paso a paso é tan sinxelo, que o único traballo que temos é pelar as castañas e montar as claras, o demais mesturar e enfornar. Esta torta de castañas do Bierzo é a lambetada de outono perfecta!
Ingredientes
300 gramos de castañas pesadas sen a pel exterior
1 belisco de sal
1 chorro de anís
100 ml de nata
75 ml de leite
100 gramos de azucre
2 xemas
2 claras
Preparación
- Poñemos a cocer as castañas co sal e o anís ata que estean brandas.
- Pelámolas mentres aínda estean quentes e facemos un puré xunto co leite e a nata.
- Engadimos o azucre e as xemas e batemos todo ben.
- Montamos as claras a punto de neve e mesturamos coas castañas facendo movementos suaves para que non baixen.
- Vertemos a masa nun molde de 20 cm e enfornamos a 180º durante uns 35 minutos.
Para rematar, decoramos cunhas castañas en almibre e podemos acompañar cun pouco de nata montada.