Esta torta de castañas e chocolate ten unha textura tipo brownie. Moi húmida e chocolateira. Con todo o sabor do chocolate e das castañas. E o mellor de todo é que podémola facer, ou ben con castañas asadas ou ben con elas cocidas. Eu fíxena para aproveitar unhas castañas asadas que me quedaran do día anterior. Así que non teñen porque ser acabas de cociñar. Podedes empregar as que vos sobren. Se vos sobran, claro.
Case non levan fariña, só unha culleradiña e se non tedes ou non podedes tomar fariña triga, podedes empregar outra fariña, de arroz por exemplo. A ganache de chocolate que leva por riba é, por suposto, opcional, mais moi, moi recomendábel. Dálle un toque aínda máis cremoso e mais sabor a chocolate, que nunca está de máis.
Ingredientes
- Para a torta
250 gramos de castañas cocidas ou asadas
160 gramos de chocolate
100 gramos de azucre moreno
85 gramos de manteiga
85 ml de nata
1 cullerada de fariña triga
2 ovos (separaremos as claras das xemas)
- Para a ganache
100 gramos de nata
100 gramos de chocolate
Preparación
- Picamos as castañas cocidas ou asadas nunha picadora ata que queden como unha fariña. Non importa se algún anaquiño queda un chisco máis grande.
- Poñemos a derreter no microondas o chocolate e mais a manteiga, xunto co azucre.
- E botamos esta mestura de chocolate sobre as castañas picadas. Mesturamos ben. Quedará unha masa espesa, mais é así.
- Engadimos a cullerada de fariña e máis as dúas xemas. Mesturamos de novo.
- Botamos tamén a nata e mesturamos.
- Batemos as claras a punto de neve.
- E incorporámolas á mestura previa.
- Vertemos a masa nun molde redondo de 20 cm forrado con papel de forno e manteiga. Alisamos.
- Enfornamos a 180ºC durante uns 35-40 minutos ou ata que un escarvadentes cravado no centro saia limpo.
- Quentamos a nata da ganache no microondas e botamos o chocolate cortado en anacos. Remexemos ben ata que o chocolate estea desfeito.
- Botámola sobre a torta e deixamos que arrefríe.
Como vedes, esta torta de castañas e chocolate é moi sinxela e o sabor é incríbel, de verdade! As castañas danlle unha humidade extra á torta e fai que quede cunha textura de brownie de 10! Aguanta varios días fóra da neveira sen poñerse seca. De feito, aínda vos diría que está máis boa ao día seguinte. Non queda extremadamente doce e nótase o sabor da castaña e do chocolate.