O outono dános tantos froitos que eu non paro de ter antollo de cociñar con todos eles. Ademais, son produtos tan sabedeiros e que se adaptan tan ben a calquera receita, tanto doce como salgada, que a verdade é que pasaría o día na cociña preparando pratos cos froitos do outono.
As castañas son un deses froitos que me prestan de calquera xeito. Asadas, cocidas, en crema, en puré, en almibre, en lambetadas… Gústanme sempre. E por iso aquí fixen unha compilación das receitas de castañas que teño no blogue. Aínda non son moitas, mais agardo que vaia medrando a cousa pouco a pouco.
A torta de castañas do Bierzo non ten unha elaboración nada complexa, e os seus ingredientes son dos que adoitamos ter a man, polo que a súa preparación resulta moi sinxela e o resultado é espectacular: un sabor intenso a castaña en cada trabada.
Unha receita moi lambona e saborosa para conservar durante todo o ano un dos froitos máis típicos do noso outono: as castañas. Un almibre con toques de anís, canela e vainilla, que casa perfectamente co sabor das castañas.
Un intenso sabor a castaña e unha textura moi suave farán deste flan unha auténtica delicia, perfecta para estes días de outono.
Pequenos petiscos cheos de sabor a castaña, cun pouquiño de augardente que lle queda moi ben.
Unhas bolachas de castaña perfectas para acompañar un chocolatiño quente nunha tarde fría de outono.
O resultado son unhas filloas máis ben doces. A fariña de castañas dálle un punto doce (ademais do azucre). Cunha textura suave e cremosa e cun característico sabor a castaña. Ademais de saber moi ben, é unha excelente opción sen glute.
O resultado é unha bica de castañas moi larpeira, coa típica textura esponxosa e húmida da bica. E o mellor de todo, cun sabor a castaña que aínda a fai máis apetecíbel.
Os zonchos saben moi ben, conservan moito o sabor da castaña e non hai que andar estonándoas antes, que dá moito choio. E estou segura de que á cativada lle ha gustar levar postos os rosarios de zonchos e poder ir meténdolle o dente ás castañas cando lles apeteza.