A vós tamén vos gusta moito como ole a casa despois de enfornar unha lambetada? Eu adoro ese arrecendo! E estas bolachas de cabaza e chocolate olen a outono. Si, si, como ledes. E todo grazas á cabaza e ás especias, que fan que as bolachas teñan un sabor moi especial e único.
Para facer o puré de cabaza, o mellor é mercar unha cabaza ou collela da horta, sacarlle a pel, cortala en anacos e cocelos no microondas durante uns 25-30 minutos, ata que todos os anacos estean ben brandos. Despois pasámolo por unha picadora ou co batedor, e xa temos o puré listo para estas bolachas ou para calquera outra preparación larpeira que leve puré de cabaza. Eu merquei unha cabaza de 900 gramos e quedáronme 275 gramos de puré.
As especias son as típicas que se empregan para as preparacións de cabaza, xa sexa para a torta de cabaza ou para o café con cabaza especiado. Iso si, as cantidades de especias son algo moi de gustos, por iso podedes variar a cantidade segundo vos gusten máis ou menos as especias. Dicirvos que coas cantidades que vos puxen, non quedan cun sabor forte de máis.
Ingredientes para unhas 20 bolachas
145 gramos de manteiga fría
100 gramos de azucre branco
100 gramos de azucre moreno
205 gramos de fariña triga
1/2 culleradiña de bicarbonato
1 belisco xeneroso de sal, xenxibre en po, noz moscada relada e cravo
1 culleradiña de canela en po
1 xema de ovo
75 gramos de puré de cabaza
130 gramos de pingas de chocolate
preparación
- Batemos a manteiga fría xunto cos azucres ata que fique unha masa cremosa.
- Por outro lado, mesturamos a fariña, o sal, o bicarbonato e as especias.
- Engadimos a xema e o puré de cabaza á mestura de manteiga e batemos de novo.
- Xuntamos ámbalas dúas mesturas, batendo todo pouco a pouco.
- E engadimos as pingas de chocolate.
- Deixamos repousar a masa 30 minutos na neveira.
- Poñemos o forno a quentar a 175ºC con calor por arriba e por abaixo e formamos boliñas de 30 gramos cada unha.
- Aplanámolas un chisco coa man e enfornamos durante uns 17-18 minutos.
- Cando teñan pasado uns 13 minutos, sacámolas do forno e dámoslles uns 2 ou 3 golpes secos á bandexa para que baixen, e enfornámolas ata completar o tempo.
- Poñémolas sobre a grella do forno ata que arrefríen por completo.
Ao sacalas da bandexa, veredes que aínda están brandiñas. Iso é o normal, así que non vos preocupedes nin lles poñades máis tempo, pois non o precisan. Ao arrefriar, poñeranse máis crocantes, cun punto tenro no interior. Unha textura perfecta para unhas bolachas de 10. Xa vedes que estas bolachas non teñen complicación ningunha e o resultado é espectacular. A masa pódese gardar durante 24 horas na neveira e podedes preparalas un día e enfornalas ao día seguinte. E como sempre vos digo, se podedes gardalas nunha lata, aguantarán durante máis tempo no seu punto óptimo. Aínda que creo que non han durar moito! 😉