Despois de facer as bolachas de cabaza e chocolate, aínda me sobraba algo de puré de cabaza. Así que despois de velo por todas partes, por fin me atrevín a preparar o Pumpkin Spice Latte. Non sei a vós, mais eu que ando a mirar receitas todo o día, sei que en canto comeza o outono, agroman centos de receitas desta bebida. Teño que confesar, antes de nada, que non probara antes este café con leite con especias e cabaza. O primeiro e único que probei foi o que fixen eu.
E postos xa a confesarse, tamén teño que recoñecer me gustou moito, moito, moito o sabor do pumpkin spice latte! E non só a min, que son lambona e raro é que algo non me guste 🙂 O certo é que a combinación de cabaza, especias e café é todo un acerto e así quentiño entra moi ben nestes días de frío e choiva do outono. Polo demais, pouca ciencia ten, mesturar e degustar.
Ingredientes para 4 persoas
1 litro de leite
4 culleradas de puré de cabaza
4 ou 5 culleradas de azucre branco
2 culleradas de esencia de vainilla
Especias: 2 culleradas de canela, 1 de xenxibre, 1/2 de cravo moído e un belisco de noz moscada
4 cafés espressos
Nata montada con azucre
Canela para decorar
preparación
- Nun cazo, mesturamos o leite, o puré, o azucre e as especias. Quentamos todo e imos remexendo para integrar todo ben, sen que chegue a ferver.
- Cando xa estea ben quente, engadimos o café e mesturamos.
- Pasamos todo por un coador, enchemos 4 cuncas e decoramos coa nata montada e un chisco de canela.
Eu boteille 5 culleradas de azucre e gustoume moito como quedou. Se non o queredes tan doce, sempre podedes engadir menos e ir probando. Iso xa a gustos. As especias quedan moi suaves e sabedeiras. Dígovos o mesmo que co azucre, o mellor é probar e engadir máis ou menos segundo vos saiba mellor. O da nata montada é opcional, mais quédalle moi ben.