Este pan de cabaza está espectacular. E si, teño que dicilo eu porque fun a que o probei. O biscoito está húmido, cremoso, desfaise na boca e ten un sabor a outono. E todo grazas á cabaza e ás especias que a acompañan. A canela, o xenxibre e o cravo dánlle un sabor incríbel. Un sabor que nos recorda ao outono.
Para acompañar, preparei unha cobertura de crema de queixo. Como as que atopamos na red velvet ou na carrot cake. E quédalle francamente ben. Equilibra os sabores e dálle un punto extra de dozura. Que sempre vén ben. Iso si, se non vos gusta, non é preciso facer a cobertura, pois é un biscoito que sabe ben de por si.
E por riba desta cobertura de queixo, preparei un mollo de caramelo salgado. Onde mollar unhas noces. Así, dámoslle tamén un toque salgado, que acompaña ás noces de marabilla, e contrasta estupendamente coa dozura da cobertura de queixo.
Ingredientes
- Para o biscoito
225 gramos de puré de cabaza
60 gramos de manteiga desfeita
100 ml de aceite de xirasol
1 culleradiña de esencia de vainilla
1/2 culleradiña de sal
2 culleradiñas de canela en po
1 pitada de xenxibre en po
1 pitada de cravo en po
150 gramos de azucre moreno
100 gramos de azucre branco
3 ovos
250 gramos de fariña triga
1 culleradiña de bicarbonato
- Para a cobertura de queixo
120 gramos de crema de queixo
60 gramos de manteiga
450 gramos de azucre en po
- Para o caramelo salgado
100 gramos de azucre branco
60 ml de leite morno
1 cullerada e 1/2 de manteiga
1 culleradiña de sal (en flocos, mellor)
Noces ao gusto
PREPARACIÓN
- Comezamos facendo o puré de cabaza. Eu córtoa en pequenos anacos e despois cózoa no microondas. Pesádea despois de cocela, pois ao perder auga, perde peso. Para uns 225 gramos de puré, precisaremos uns 400 de cabaza. Despois fago o puré coa axuda dun garfo. Aínda que tamén o podedes facer co batedor, se vos gusta máis. Poñemos o forno a quentar a 170ºC.
- Mesturamos o puré coa manteiga, aceite, vainilla, sal, canela e o xenxibre.
- Botamos tamén os azucres.
- Os ovos.
- E por último, a fariña e mais o bicarbonato.
- Forramos un molde rectangular con papel de forno e un chisco de manteiga e enfornamos a 170ºC durante uns 60 minutos. Ao meu levoulle 75 minutos, mais andaba a facer outras cousas no forno e abrino máis dunha vez, e arrefriou. Polo que eu comezaría a controlalo a partir dos 50 minutos. O escarvadentes cravado no centro deberá saír limpo.
- Agora só temos que sacalo do forno e deixalo arrefriar. Mentres, podemos ir preparando a cobertura de queixo.
- Batemos a manteiga ata que estea cremosa. Engadimos a crema de queixo. Batemos. E engadimos o azucre en po, pouco a pouco ata que estea todo ben integrado. E si, podedes coller un pouco co dedo e relamber. Está boísima. Botámola sobre o biscoito frío coa axuda dunha espátula, coitelo ou culler.
- Para o caramelo salgado. Botamos o azucre nun cazo e poñemos a lume medio. Remexemos de cando en vez. Cando estea xa o caramelo feito, sacamos o cazo do lume e botamos o leite morno. Ollo que fará moitas burbullas, non vos queimedes. Mesturamos e poñemos no lume de novo.
- Agora botámoslle a manteiga e mais o sal e mesturamos pouco a pouco no lume ata que teña a textura desexada.
- Sacamos do lume e botamos as noces. Deixamos que arrefríe un chisco e botamos as noces e o caramelo (a cantidade que queiramos) por riba da cobertura de queixo.
Se vos sobra cobertura, podédela deixar nun caneco e poñela acompañando o biscoito. De seguro que ha haber quen queira botarlle máis. E o mesmo co caramelo 😉 Se queredes facer menos cobertura, podedes dividir os ingredientes e de seguro que así non vos sobra. A min como me gusta moito, fixen máis cantidade. Como vos dixen, só o biscoito está boísimo. E se non tedes ganas de complicarvos moito, podedes facer só o pan de cabaza, sen queixo nin caramelo. O sabor é de 10.