Momias de banana

Adoro as épocas do ano nas que hai receitas tan divertidas como as do Nadal, Samaín, o Entroido… Certo é que non precisamos moita desculpa para poñernos a facer lambetadas, mais semella que se é por algunha festa, as fai unha con máis gusto (aínda). O caso é que chega o Samaín, e todas as redes se enchen de receitas. Estas momias de banana aparecen unha chea de veces polas miñas redes. E non sei que me gustaba máis. O bonitas que quedaban, o sinxelas que eran de facer ou o boísimas que tiñan que estar. Porque si, agora que xa as probei, podo dicir que están de vicio.

Momias de banana
Momias de banana

Podedes empregar chocolate negro, branco, cremas de froitos secos… Mais onde estea esta marabilla de crema de bolachas Lotus que se quite todo o demais. Que cousa máis rica! Por fóra quedan crocantes e por dentro moi cremosas, coa banana asada e a crema. Un chisco de azucre en po por riba e unhas pingas de chocolate para os ollos. E xa temos outra receita para facermos coas crianzas nesta época. E se non son moito de cociña, de seguro que han ser de probar!

Momias de banana
Momias de banana

Ingredientes para 3 momias

  • 1 masa de follado redonda

  • 3 bananas

  • 6 pingas de chocolate

  • Crema de Lotus

  • 1 ovo

  • Azucre en po

Preparación

  • Cortamos a masa de follado en tiras. Cun cortador de pizzas faise de marabilla e moi rápido.
  • Pelamos as bananas e facemos dous corte un coitelo que vaian de arriba a abaixo da banana, para poder facermos un oco. Se queremos que quede máis xeitoso, sempre podemos abrilo un pouco mais cunha culleriña.
  • Botamos a crema de Lotus no oco aberto. E comemos a banana que lle sacamos. Aquí non tiramos (case) nada 🙂
  • Comezamos a colocar tiras de follado arredor da banana, para que vaia quedando como unha momia. Eu cortei tamén unhas tiras máis finas para poñerllas polo medio cruzadas, para que quedara máis bonita.
  • Batemos un ovo e pintamos as 3 momias.
  • Enfornamos a 200ºC durante uns 25 minutos ou ata que vexades que están quedando douradiñas. Non vos preocupedes se asomou algo de banana por fóra. É normal. Sacamos o anaco que saíu e aproveitamos para probar o boas que están.
  • Agora só temos que deixar que arrefríen. Botarlle o azucre en po e colocarlle as pingas de ollos.Momias de banana

E xa teriamos as nosas momias de banana preparadas para ser degustadas. Xa vedes que a receita non ten moita ciencia. E o seu sabor é espectacular! Nesta casa non duraron nin 24 horas! E tampouco ten que ser Samaín para preparalas, mais xa sabedes que agora temos desculpa para preparalas 😉 Agardo que as preparedes e me mandedes moitas fotos.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.