Adoro o outono por milleiros de razóns. Encántanme as súas cores, o tempo, os días máis curtos e grises, o frío que xa comeza, e, sobre todo, porque é a época do Samaín, de todos os santos e de defuntos. Aproveitando que as crianzas tamén gostan desta festa, decidín facer uns petiscos de Samaín cun toque de medo e moi sabedeiros para poder organizar unha festa de Samaín. Son tres ideas moi sinxelas, mais que han gustar a todo o mundo, xa veredes.
Ademais, agardo poder cada ano ir discurrindo máis petiscos de Samaín. Así, poderei ir aumentando este artigo e que as vosas festas de Samaín se enchan de petiscos arrepiantes e de medo!!! Como son cousiñas moi sinxelas de preparar, estou segura de que habedes atopar algunha crianza que se anime a preparalas con vós e así pasar tamén un día divertido cociñando con elas.
MANS DE PIPOCAS
Preparación
- Nunha tixola ou pota, botamos un anaco de manteiga e deixamos que se derreta. Tamén podedes empregar aceite de oliva.
- Cando estea derretida, botamos as pipocas e mais o sal.
- Deixamos que a calor faga a súa maxia e agardamos ata que arrefríen.
- Despois só temos que metelas nas luvas transparentes e pechalas.
SANGUE XELATINOSA
Preparación
- Aquí comezamos pintando uns vasiños de papel cunha cara estilo Jack Skellington.
- Despois preparamos a xelatina segundo nos indique o envase e enchemos os nosos vasos de Jack.
- Deixamos que arrefríe e engadimos os ollos.
ARAÑEIRAS DE CHOCOLATE
Preparación
- Partimos os pauciños de pan en 8 anacos.
- Derretemos o chocolate branco e botamos un pouco no medio para que unan os pauciños. Colocamos os ollos para que fiquen pegados.
- Despois imos botando chocolate arredor deles, dándolle forma de arañeira.
- E engadimos, se temos, granulado especial de Samaín: cabazas, pantasmas e morcegos. Ou podemos deixalas se nada.
Como xa vedes, son ideas sinxelas, onde o importante e pasalo ben facendo estes petiscos en familia ou coas amizades. No blogue, temos algunha que outra receita de Samaín que tamén vos ha servir para completar este menú. Como estes monstros, esta ensalada de Samaín, as momias, ou uns tradicionais ósos de santo.
Oxala que puxeras na paxina do inicio as datas das recitas cando as subes. Estaría un pouco máis organizado dese xeito e seria doado de ver as recitas novas.
As datas saen, o que pasa é que como están as receitas destacadas arriba, non se ven tan ben. Mirarei de ver se podo organizalo doutro xeito. Grazas!