Hai xa un tempo que escribín neste blogue a receita dos panellets por primeira vez. Os panellets, para quen non o saiba, son uns doces de améndoa que se poden ver en moitas docerías de Cataluña cando se achega o Día de Todos os Santos. Son moi sinxelos de facer e non leva moito tempo, pois básicamente é mesturar, dar forma e enfornar. Este ano quería facelos de novo, mais como quería que me axudaran os meus pequenos axudantes, pensei que podiamos darlle unha forma diferente. E de aí xurdiu a idea de facer os panellets de ourizo cacho. Que ademais de quedar ben bonitiños, o toque do chocolate sempre presta.
Ademais, as crianzas poden axudarvos a darlles a forma, bañalos no chocolate, botarlle a améndoa crocante e pintarlles os olliños. E non teñen que quedar perfectos para quedar ben xeitosos. E o mellor de todo é que están boísimos. Tamén se lles pode botar améndoa picada, fideos de chocolate negro ou de cores ou cereais picados. Seguro que ás crianzas se lles ocorren moitas combinacións interesantes 🙂
Ingredientes para uns 30 ourizos cacho
1 pataca duns 150 gramos
250 gramos de azucre
250 gramos de améndoa moída
chocolate negro
améndoa crocante ou picada
Preparación
- Cocemos a pataca e facemos un puré con ela.
- Mesturamos o puré de pataca coa améndoa moída e o azucre ata obter unha masa uniforme.
- Collemos porcións de 20 gramos de masa, formamos unha bóla, aplanamos un chisco e dámoslle forma de bico.
- Colocamos nunha bandexa de forno e enfornamos durante uns 20 minutos a 160ºC. Podédelos poñer xuntiños, que non medran.
- Sacamos do forno e deixamos arrefriar de todo.
- Derretemos o chocolate negro e mollamos a parte ancha do panellet no chocolate.
- Limpamos o exceso de chocolate e pasamos os ourizos polo crocante de améndoa.
- Cun pauciño de madeira de espeto ou un escarvadentes, pintamos os ollos do ourizo cacho.
- Só temos que deixalos arrefriar e a degustar!
Como vedes, a receita dá para uns 30 panellets. Podedes ou ben facelos todos con forma de ourizo cacho ou ben facer uns poucos así, e outros máis tradicionais con marmelo e con piñóns, como tedes na outra receita. Nós aproveitamos para facer uns pouco de todo, e así hai para todos os gustos. Os de piñóns seguen a ser os meus favoritos.