Hai uns días foi o día internacional do pistacho, e decateime de que a única receita que teño con este manxar é o pesto. E non é porque sexa un froito seco que non me guste, senón porque adoito facer moito pesto e porque me saben tan ben así que non penso en facer ningunha lambetada con eles. O caso é que unhas madalenas sempre prestan e estas madalenas de pistacho non poden ser menos. O curioso é que o seu sabor sorprende. Se as facedes tedes que dicirme se a vós tamén vos pasa.

Cando as vas comendo, veredes que a parte de abaixo, onde non ten o crumble sabe tan ben e tan doce que mesmo semella que leva chocolate branco. E non, non leva, mais si que o parece. Por suposto que tanto o crumble como o glasado son totalmente opcionais, mais moi, moi, moi recomendábeis! O crumble fai que quede unha madalena con máis corpo e cunha textura máis crocante por arriba, en contraste coa esponxosidade da madalena. E o glasado dálle un toque doce e cremoso a ese punto crocante. Eu diría que é o equilibrio perfecto. Os ingredientes son os de sempre e a receita non ten nada de dificultade.

Ingredientes para 12 madalenas
- Para as madalenas
2 ovos
180 gramos de azucre branco
65 ml de leite
185 ml de aceite de oliva suave
120 gramos de pistachos pelados
1 chisco de sal
150 gramos de fariña triga
7 gramos de fermento químico
- Para o crumble
40 gramos de pistachos pelados
3 culleradas de fariña triga
2 culleradas de azucre branco
1 cullerada de manteiga desfeita
- Para o glasado
120 gramos de azucre en po
1 culleradiña de esencia de vainilla
1 cullerada + 1 culleradiña de leite
Pistachos picados para decorar.
Preparación
- Batemos os ovos, o azucre, o leite e o aceite.
- Picamos os pistachos ata que queden cunha textura de area e engadímolos á masa xunto co sal.
- Xirgamos a fariña xunto co fermento e mesturamos a modiño co resto dos ingredientes. Non convén bater de máis. Deixamos repousar a masa na neveira durante, mínimo, unha hora.
- Mentres, preparamos o crumble. Só temos que botar todos os ingredientes nunha cunca e esmigallalo cos dedos para que quede coa textura de area mollada típica do crumble.
- Preparamos os moldes das madalenas e botamos unha cullerada grande en cada un. Eu fágoo coa culler dos xeados, non mancha nada e é a medida perfecta para non botar de máis. Poñemos o forno a quentar a 210 graos.
- Botamos un pouco de crumble enriba de cada madalena e enfornamos a 210ºC durante uns 20-30 minutos. Convén ir comprobando, pois xa sabedes que cada forno é un mundo. Se vedes que aos 15 minutos algúns pistachos do crumble comezan a torrarse de máis, podedes poñer un anaco de papel de aluminio por riba para que non se queimen. Para saber se xa están feitas, cravaremos un escarvadentes no centro e se sae limpo, xa están para degustar.
- Sacamos as madalenas do forno e deixamos que arrefríen.
- Cando xa estean frías, podemos preparar o glasado. Mesturamos todos os ingredientes e botamos un pouco enriba de cada madalena, coa axuda dunha culleriña e con moito coidado. Podedes decorar con pistachos picados.
Moito ollo porque son unhas madalenas que van ir desaparecendo á velocidade da luz, xa o veredes. Quedan moi tenras, doces, suaves e coa textura perfecta co crumble e o glasado. Aguantan varios días aínda tenras fóra da neveira. E son ideais para calquera momento do día: almorzo, parva, merenda ou sobremesa.
Mirade que boa pinta por dentro:
