Non sei se a vós vos pasa, mais ás veces resulta complicado saber que facer de cear. Esta receita de pan de allo con queixo é rápida e sinxela. E pódese comer así, ou para acompañar un hummus, muhammara ou calquera paté. É algo que non require de ter moito xeito na cociña e, aínda que é unha receita sinxela, sen moita ciencia nin moitos ingredientes, o resultado é moi bo.
Esta receita dá como resultado un pan moi crocante e moi suave ao mesmo tempo. A suavidade danlla os queixos derretidos e mais a manteiga co allo. E a parte crocante, o pan. O equilibrio perfecto entre textura e sabor. Todo nunha receita do máis sinxela. E se non sodes moi de allo, non hai problema. Ao seren asados, non teñen ese sabor tan forte como crus, e quedan moi ben. Nós fixémolo con chalota, mais podedes botar só allo, se non tedes chalota pola casa. Aínda que si vos digo que lle dá moi bo sabor.
Ingredientes
1 barra de pan tipo chapata
1 cabeza de allo
3 chalotas
sal, pementa e aceite de oliva
100 gramos de manteiga sen sal
pirixel fresco
fatias de queixo para sándwich
mozzarella relada
Preparación
- Sacamos a pel ás chalotas e cortámoslles as puntas.
- Cortamos a parte superior dunha cabeza de allos enteira. O xusto para cortar unha pequena punta e así poder sacar os allos cando xa estean asados.
- Botamos un chorro de aceite sobre os allos e as chalotas. E botamos tamén sal e pementa sobre os allos. Poñemos todo a asar ou ben nun molde con tapa apto para forno, ou ben envoltos en papel de aluminio.Enfornamos a 180ºC durante 1 hora.
- Mestura nun bol a manteiga, os allos asados (para sacalos, só hai que apretar pola parte de abaixo e xa saen), as chalotas (tamén faremos do mesmo xeito que cos allos), o pirixel fresco picado e unha culleradiña de sal.
- Abre o pan ao medio, e estende a mestura de manteiga por cada unha das metades.
- Pon fatias de queixo cremoso sobre cada metade do pan e cubre coa mozzarella relada.
- Enforna a 200ºC durante uns 20 minutos ou ata que vexades o queixo xa derretido e torrado.
- Bota un pouco de pirixel picado por riba, corta en anacos e xa estaría preparado.
Para facer este pan de allo con queixo podedes usar os queixos en función dos que máis vos gusten, ou dos que teñades a man. Tede en conta que quedará mellor se algún deles é máis cremoso e se derrete con facilidade.