Aínda que as cereixas sexan desas froitas que se comen soas. Unha lambetada con elas sempre se pode facer. E sobre todo se te xuntas na casa con dúas caixas cheas delas e non queres por nada do mundo que se boten a perder. O bo deste biscoito é que se pode adaptar a calquera froita, polo que se non tedes cereixas, non son santo da vosa devoción ou non vos presta nada iso de andar a sacarlles a carabuña, podedes cambiar e facela ao voso gusto. Aínda así, este biscoito de cereixas con crumble é unha auténtica perdición e sería unha mágoa non darlle unha oportunidade.
O biscoito é suave, manteigoso e cun sabor espectacular. As cereixas son o acompañamento perfecto porque son unha froita menos doce e contrasta co doce do biscoito. E tamén co salgado do crumble. Botádelle un bo belisco de sal e veredes que marabilla. E se tedes manteiga salgada na casa, podédela usar e non botarlle o sal. De verdade que cada trabada deste biscoito é unha viaxe sensorial que casa á perfección. Os ingredientes, aínda que poidan semellar moitos, son de toda a vida, e veredes que o paso a paso é rápido e sinxelo.
Ingredientes
- Para o crumble
120 gramos de fariña triga
50 gramos de azucre branco
30 gramos de azucre moreno
1 bo belisco de sal
85 gramos de manteiga derretida
- Para o biscoito
85 gramos de manteiga derretida
150 gramos de azucre
5 ml de esencia de vainilla
2 ovos
80 gramos de iogur
190 gramos de fariña triga
1 culleradiña e 1/2 de fermento químico
1 belisco de sal
80 ml de leite
- Para as cereixas
400 gramos de cereixas, pesadas con rabo e carabuña
12 gramos de fariña triga
12 gramos de azucre branco
Preparación
- Para o crumble, mesturamos a fariña e os azucres. Despois engadimos a manteiga derretida e mesturamos todo cunha culler e tamén coas mans. Deixamos repousar mentres facemos o biscoito. Así, quedará máis duro e coa consistencia ideal para despois.
- Para o biscoito, mesturamos todos os ingredientes húmidos, e engadimos despois a fariña peneirada, o sal e o fermento.
- Cortamos as cereixas á metade, sacámoslles a carabuña e o rabecho. Eu cortei algunhas en catro, mais iso xa a gusto de cada quen.
- Engadimos a fariña e o azucre e mesturamos ben.
- Botamos nun molde de 24 cm redondo e untado de manteiga a masa do biscoito.
- Poñemos as cereixas por riba.
- E tapamos co crumble, que poderemos ir rompendo cos dedos para tapar todas as cereixas.
- Enfornamos a 180ºC durante uns 30-40 minutos. O escarvadentes cravado no centro, terá que saír limpo.
Levaba tempo sen facer un biscoito e de verdade que este é un dos biscoitos máis ricos que fixen nunca. De seguro que vos gusta o contraste de sabores e ese punto salgado do crumble. Se probades con outra froita, xa me contaredes. Eu hei repetir seguro. Mirade que boa pinta ten por dentro. Moi manteigoso e taaan sabedeiro.