Isto de ter horta e árbores con froitas é un pouco perigoso. Mais que nada porque ao ver os froitas aí na árbore, non podo evitar querer facer algunha receita con elas. E tanto o limoeiro como as maceiras están ben cheíñas este ano. Polo que tocaba pensar nalgunha receita onde poder empregar estes dous ingredientes.

A verdade é que o tiña ben sinxelo. Levaba xa toda esta semana con gana de facer madalenas, así que a idea xa estaba: unhas madalenas de mazá. Agora só faltaba poñerse coas mans na masa. O do crumble quédalle moi ben e dálle un toque ben larpeiro. Ademais, fai que a parte superior fique crocante e contraste co resto da madalena que queda moi suave. Eu non tiña canela na casa, mais se queredes botarlla, xa sabedes que mazá e canela casan ben.

Para as mazás, diríavos que vale de calquera variedade que teñades pola horta, ou aquela que máis vos encha o ollo. A masa destas madalenas de mazá está boísima, polo que sen froita, ou con calquera outra froita de outono, han saber de marabilla.

IngredientES
- Para o crumble:
60 gramos de fariña triga
60 gramos de azucre branco
45 gramos de manteiga, a temperatura ambiente ou lixeiramente desfeita
- Para a masa das madalenas:
275 gramos de mazás, peladas e sen sementes
1 cullerada de zume de limón
280 gramos de fariña triga
1 sobre de fermento químico
1 pitada de sal
2 ovos grandes
150 gramos de azucre branco
180 ml de leite
115 gramos de manteiga, desfeita
1 culleradiña de esencia de vainilla
PREPARACIÓN
- Preparamos o crumble mesturando os 3 ingredientes cun garfo ou coas mans. Reservamos.
- Mesturamos os ingredientes húmidos: leite, ovos, manteiga e vainilla xunto co azucre. E batemos ben.
- Mesturamos tamén os secos: fariña, sal e fermento químico. Xirgamos todo e engadímolo á mestura húmida batendo pouco a pouco.
- Cortamos a mazá en anaquiños e botámoslle o zume de limón. Engadimos todo á masa e mesturamos.
- Enchemos os papeis das madalenas. Unhas 3 culleradas por papel.
- E tapamos co crumble que fixeramos antes.
- Enfornamos a 190ºC durante uns 25 minutos. O escarvadentes cravado no centro ha de saír limpo.
Aínda que é certo que azucre levan, non quedan cun sabor excesivamente doce. E por iso lle queda moi ben o crumble, que lle aporta máis dozura. Para conservalas, o mellor é metelas nunha bolsiña desas con cerre, coma as de conxelar. Se vos duran moitos días, cousa que dubido, podedes metelas na neveira. Ou ata se poden conxelar e telas preparadas para cando teñades antollo de madalenas. Cómpre deixalas desconxelar e despois darlles un toque de forno a temperatura baixa, para que queden esponxosas como están agora. Para degustalas calquera hora lles vai ben: almorzo, merenda, sobremesa… Fan boa compaña en calquera momento.