Pastéis de bacalhau

Seguimos con receitas portuguesas que elevan o sabor do bacallau a outro nivel. Despois de preparar o bacalhau à Brás e o bolo de arroz na travessa, voltamos cun petisco de bacallau difícil de esquecer. Probastes algunha vez os pastéis de bacalhau? É importante non confundilos coas pataniscas, que serían máis como as nosas chulas. Tamén se coñecen como bolinhos de bacalhau e levan bacallau e pataca.

pastéis de bacalhau

Eu probeinos na miña última viaxe ao Porto e fiquei namorada. Con esa cor douradiña, moi cremosos por dentro e cun punto crocante por fóra. Perfecto para toda a familia, tamén para os máis pequechos. Podémolos tomar como prato, cunha salada. Ou ben como petiso para acompañar calquera comida.

pastéis de bacalhau

Ingredientes

  • 400 gramos de bacalhau desalgado

  • 800 gramos de patacas

  • 1 cebola

  • 2 dentes de allo

  • 2 ovos

  • 1 xema

  • pirixel picado

  • noz moscada ao gusto

  • sal e pementa negra ao gusto

  • aceite de xirasol para fritir

Preparación

  • Cocemos o bacallau, deixamos que estea máis morno e sacámoslle as espiñas e ímolo esmigallando. Reservamos nun bol.pastéis de bacalhau
  • Pranamos as patacas, cortámolas e cocémolas ata que fiquen brandas. Escorremos e facemos un puré. Engadimos este puré ao bol do bacallau.pastéis de bacalhau
  • Sacámoslles a pel aos dentes de allo e mais á cebola e picámolos finamente. Botámolos no bol.
  • Engadimos tamén o resto dos ingredientes: o ovo, a xema, o sal, a pementa negra, a noz moscada e o pirixel picado. Mesturamos todo moi ben.pastéis de bacalhau
  • Coa axuda de dúas culleres, dámoslle forma aos pastéis de bacalhau e ímolos poñendo nunha bandexa ou prato. Levámolos ao conxelador durante unha hora.pastéis de bacalhau
  • Fritímolos en abundante aceite de xirasol ben quente ata ficaren ben dourados. Escorremos sobre papel absorbente e servimos.pastéis de bacalhau

Son uns boliños que non dan nada de traballo. Ademais, podedes telos conxelados e facelos cando máis vos apetezan. Así quentiños, cando os sacamos da tixola, é cando están (aínda) máis bos. Se mercades o bacallau xa desalgado e esmigallado, aforrades uns pasiños importantes e acabaredes máis axiña. De todos os xeitos, como se esmigalla despois de cocido, resulta bastante sinxelo de facer. Eu devezo por eles e, se os probades, de seguro que tamén pasaredes a ser do meu clube de seareiras dos pastéis de bacalhau.

Mirade que cremosiños quedan por dentro.

pastéis de bacalhau

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.