Para rematar este mes de receitas portuguesas e vendo que xa queda pouco para o día de Pascoa, non quedaba outra que preparar o folar de Pascoa. Esta lambetada adoita ser un agasallo da madriña ao afillado ou afillada o Domingo de Pascoa. É un símbolo de amizade e reconciliación, que ten a súa propia lenda (cóntovola máis abaixo). É un bolo de masa tipo pan, seca, mais cheísimo de sabor. A canela, a augardente e o limón danlle un toque moi sabedeiro. E leva, como vedes, uns ovos cocidos por riba, que lle dan esa pinta tan característica.
Con curiosidade por saber cal é a lenda do folar do Pascoa? Pois ficade atentas. Hai moitos anos e segundo conta a lenda, unha rapaza chamada Mariana rezaba acotío a Santa Catarina co desexo de casar cedo. Tanto insistiu, que axiña apareceron dous pretendentes. Ambos eran moi ben parecidos, mais un era pobre e outro rico. Sen saber moi ben que facer, Mariana voltou consultar coa santa. Mentres, chegou Amaro, o pretendente pobre, e díxolle que tiña de prazo para escoller ata o Domingo de Ramos. E o pretendente rico díxolle tamén o mesmo.
Cando chegou o Domingo, unha veciña avisou a Mariana e díxolle que os seus dous pretendentes se atoparan polo camiño e pelexaran. Mariana, despois da consulta coa santa, chegou onda eles e escolleu a Amaro. Seica a escolla non sentou moi ben ó outro pretendente. E dicíase que o fidalgo pretendía vingarse e matar a Amaro o día do casamento. Mariana, moi preocupada, foi levarlle flores a Santa Catarina. Cando voltou á casa, atopouse cun bolo con ovos rodeado de flores. As mesmas que ela lle fora levar á Santa.
Mariana correu para contarllo a Amaro e veu que este tamén atopara o mesmo bolo. Pensando ambos que isto fora idea do pretendente rico, foron á casa del para llo agradecer. Mais o fidalgo tamén recibira o mesmo bolo. Os tres deron en pensar que fora cousa de Santa Catarina. E é por iso que este bolo simboliza a amizade e a reconciliación.
En Portugal, o Domingo de Ramos os afillados e as afilladas agasallan á madriña cun ramo de violetas. E estes agasallan ás madriñas cun folar de Pascoa o Domingo de Pascoa.
Ingredientes
3 ovos cocidos
625 gramos de fariña triga
3 ovos medianos
150 gramos de eritritol ou azucre
150 ml de leite morno
12 gramos de fermento seco de panadeira ou 35 do fresco
75 gramos de manteiga desfeita
raspa dun limón
1 culleradiña de canela
1 culleradiña de sal
1 culleradiña de augardente
1 ovo para pincelar o bolo
calda de azucre: a mesma cantidade de azucre que de auga
Preparación
- Mesturamos o leite morno e mais o fermento e remexemos ben. E xuntamos isto co resto dos ingredientes: fariña, ovos (crus, non os cocidos), eritritol ou azucre, manteiga desfeita, raspa de limón, sal, canela e augardente.
- Amasamos ata que estean todos os ingredientes ben integrados.
- Poñemos a masa sobre a mesa de traballo enfariñada e amasamos durante uns 10 minutos.
- Tapamos e deixamos repousar durante dúas horas. Mentres, podemos cocer os ovos, se non os tiñamos xa cocidos.
- Cando a masa xa teña repousado, sacamos dous boliños. Un máis grande e outro máis pequeno. Os meus eran o grande de 165 gramos e o pequeno de 70.
- Sobre o bolo grande, poñemos os 3 ovos cocidos e facemos unha lixeira presión para que queden ben colocadiños no seu sitio.
- Co boliño pequeno, faremos unha tira que ira de lado a lado do bolo e tapará un ovo. Co outro boliño, faremos outra tira máis longa que comezará tapando un ovo, faremos unha volta coma se fose un lazo e tapamos o outro ovo. Deixamos repousar 30 minutos.
- Batemos un ovo e pincelamos por todo o bolo. Eu deixei os ovos sen pincelar.
- Enfornamos a 180ºC durante un 35-40 minutos ou ata que vexades que queda cunha cor marrón escura por riba.
- Preparamos a calda de azucre mesturando a mesma cantidade de auga que de azucre. Eu metina un pouco no microondas para que se desfixera mellor o azucre e cun pincel de cociña imos botando por todo o bolo. E a degustar!
Non agardedes que sexa un bolo tipo biscoito, moi esponxoso. Como vos digo, é unha masa máis tipo pan. Doce, iso si, mais tipo pan. Perfecta para mollar no leite. De sabor está boísimo e cada trabada fai que queiras comer outro anaco máis. A min o sabor recórdame ao das roscas, mais cunha textura máis seca. É unha moi boa opción para comer xuntos o Domingo de Pascoa e contarlles a todos a lenda de Mariana e Santa Catarina.