Os bolos de arroz son unha desas lambetadas que o ten todo, son moi fofiños, individuais, e ademais, están moi bos. O caso é que para facelos na casa, hai que dedicar un chisco de tempo a facer os moldes. E aínda que non é algo moi complicado, si que leva tempo. De feito, houbo unha vez que fixen os moldes, mais ao final, non puiden facer os bolos de arroz e ficaron no esquecemento.

Mais esta semana vin no Instagram unha receita de bolo de arroz na travessa (de Miguel Mesquita) e xa vos digo que vin o ceo aberto. Así que podía facer así? Sen facer os moldiños? Que marabilla! Isto había que probalo!!! E si, este bolo de arroz na travessa está boísimo. E a verdade é que resulta moito máis sinxelo e igual de sabedeiro! E o mellor de todo é que a receita serve para facelos así, ou nos moldes pequenos, se vos prestan máis do xeito tradicional.

Ingredientes para un molde de 30×20
125 gramos de fariña de arroz
185 gramos de fariña 00
1 sobre de fermento químico
5 ovos grandes
185 gramos de azucre
185 ml de leite
35 gramos de manteiga
75 gramos de aceite de xirasol
azucre para polvillar
Preparación
- Batemos os ovos xunto co azucre ata que fique unha masa cremosa e escumosa, dobre o seu tamaño (aproximadamente) e quede dunha cor máis branca. Poñemos o forno a quentar a 160ºC.
- Engadimos o leite, o aceite e a manteiga derretida. E batemos de novo.
- Peneiramos as fariñas e mais o fermento e engadímolas á masa con movementos suaves e pouco a pouco ata que estean totalmente integradas.
- Forramos un molde con papel de forno e manteiga e botamos a masa nel.
- Enfornamos a 160ºC durante 10 minutos. Abrimos o forno, polvillamos con azucre por toda a parte superior do bolo e deixamos enfornar durante uns 25 minutos máis. Para saber se está, o mellor é picalo cun escarvadentes e se vemos que sae limpo, xa o podemos sacar.
E xa teriamos o noso bolo de arroz preparado. Fica moi douradiño e cunha fermosa e crocante capa de azucre por riba. Por dentro é moi esponxoso. Perfecto para acompañar un bo caneco de leite, chocolate, té ou café. E se sodes das que vos gusta mollar o biscoito no leite, este bolo de arroz é do mellor que hai, pois ficará ben enchoupadiño e mooi sabedeiro.