Das receitas portuguesas de bacallau que probei, esta de bacalhau à Brás é das miñas favoritas. Tamén vos confeso que, polo de agora, penso que non atopei ningunha receita de bacallau que non me prestase. O bacalhau com natas xa o fixemos tamén hai un tempo e gosto moitísimo do seu sabor e cremosidade. Son desas receitas que sabes que rematarás por facer unha e outra vez.
O bacalhau à Brás probeino en Portugal por primeira vez xa hai uns cantos anos en Coimbra, nun restaurante ao carón dunha casa onde vivira o Zeca Afonso. Adoro esa mestura de sabores e de texturas. O crocante das patacas palla e o suave e cremoso do ovo, fan deste prato un dos que máis adoita gustar. Ademais, os ingredientes son moi de sempre e resulta un prato moi completo. Non ten moita dificultade, o único preparar as patacas palla, que sempre dá un pouco de choio cortalas tan finiñas e fritilas. Mais polo demais, non vos ten moita ciencia.
Ingredientes para 4 persoas
500 gramos de migas de bacalhau desalgadas
500 gramos de patacas
400 gramos de cebola
2 dentes de allo
4 ovos
30 ml de aceite
2 follas de loureiro
pirixel picado
olivas negras ao gusto
Preparación
- Comezamos preparando as patacas. Cortámolas en rodeas e despois en pauciños pequenos para que nos queden patacas-palla. Ímolas fritindo e reservamos.
- Cortamos as cebolas en rodelas finas e os allos en láminas. Fritímolos no aceite de oliva xunto coas follas de loureiro.
- Engadimos as migas de bacallau e deixamos cociñar.
- Cando xa estea no seu punto, botamos as patacas-palla, reservando unhas poucas para o final. Rexemos todo ben.
- Engadimos os ovos batidos, remexemos e retiramos do lume cando aínda estean cremosiños e non demasiado cocidos.
- Sirva o bacallau decorado coa pataca-palla que reservamos, o pirixel picado e as olivas negras.
E xa vedes que cuns sinxelos pasos, teredes un bacalhau à Brás boísimo. Hai que ter coidado de que os ovos queden ben cremosiños, polo que non debemos cociñalos de máis. Non vos podo dicir moito máis porque esta súper receita véndese soa. Non hai máis que vela, ou mellor, que probala, para namorar para sempre.