Non sei se algunha vez probastes as palmeiras de chocolate que venden na Tafona do Preguntoiro, en Compostela. Se xa o fixestes, xa saberedes que están boísimas. E se non, eu recoméndovolas 100%. Todo isto para dicirvos que o sabor destes corazóns de chocolate recordoume moitísimo ao desas palmeiras. Moito sabor a chocolate coa crema de cacao e ese sabor a masiña así medio acabada de facer, aínda tenra, húmida e moooi sabedeira.
O do día dos namorados é a desculpa perfecta para facer estes corazóns de chocolate para os que só precisamos tres ingredientes. E podedes facer unha opción máis saudábel se o facedes cunha crema de cacao caseira. Mais tamén vos digo que tampouco cómpre, pois de cando en vez, non pasa nada por facer, e comer, estas lambetadas. E se andades a pensar en agasallar a alguén con algo feito por vós, estes corazóns de chocolate son ideais, pois non se precisa moito coñecemento culinario para os facer.
Ingredientes para 6 corazóns
1 masa de follado rectangular
1 bote de crema de cacao
1 ovo ou bebida vexetal para opción vegana
PREPARACIÓN
- Cortamos a lámina de follado rectangular en 6 anacos máis ou menos iguais. Poñemos o forno a quentar a 180ºC.
- Botamos crema de cacao por cada un dos anacos que cortamos, repartíndoa ben por todo.
- Enrolamos cada rectágulo.
- E cortámolos ao medio coa axuda dun coitelo ben afiado ou dun cortapizzas ata case o final do roliño que fixemos.
- Collemos ámbalas dúas metades e xirámolas cara abaixo, para darlle forma de corazón. Apretamos a punta con forza para que una.
- Batemos un ovo e botámolo por riba de cada corazón ou ben un pouco de bebida vexetal.
- Enfornamos a 180ºC durante uns 15 minutos. Se vedes que se abriron un chisco no forno, podedes xuntarlle as puntas ao sacalos do forno, pois añinda estarán tenros e xuntarán sen problema.
Podedes botarlle un chisco de azucre en po por riba, ou decoralos con chocolate negro branco ou con leite. Se non vos gusta a crema de cacao, con crema de Lotus tamén han quedar moi bos. Ou pódese tamen tinguir o chocolate branco de cores e decorar. E hai tamén quen lle bota un pouco de abelá picada e dálle un sabor máis tipo Ferrero Rocher. Iso xa como vós prefirades. Así tal e como saen están moi bos. Eu deixeinos só os 15 minutos e están perfectas de textura. Crocantes por fóra e máis cremosos por dentro. Aguantan varios días sen problema. E non cómpre deixalos na neveira.