Sabiades que aquí, na Galiza, podería considerarse o día nos namorados o día 2 de febreiro? O día dous de febreiro festéxase o día da Candeloria, ou día das Candeas. Este día é ben coñecido porque adoita ser un bo pronosticador de canto inverno nos queda aínda por vir. Mais non só iso, senón que o refraneiro tamén nos di que Pola Candeloria casan os paxariños e maila galiñola. Semella ser unha data na que os paxariños andan xa namorando, emparellando e casando para despois na primavera facer os niños e ter as crías. Tomando como exemplo aos paxariños, nós tamén podemos festexar o amor e aproveitar o día 2 de febreiro para agasallar a alguén con estas bolachas de corazón de marmelada. Que o día e esa persoa na que estás a pensar ben o merecen.

Ademais con estes agasallos de lambetadas non hai marxe para o erro. Non ocupan sitio nin andan despois pola casa, adoitan gustarnos a todo o mundo e ademais, sempre presta agasallar con algo caseiro, feito por nós con todo o noso agarimo. E recibilo, por suposto, sabendo que esa persoa andou na cociña a preparar algo especial para nós. É unha receita moi sinxela, que se fai axiña e con ingredientes de sempre.

Ingredientes para 10 bolachas
75 gramos de manteiga branda
35 gramos de azucre en po
1 limón relado
1 xema de ovo
120 gramos de fariña
Marmelada de framboesa
preparación
- Mesturamos todos os ingredientes agás a marmelada.
- Amasamos ata formar unha bóla.
- Envolvémola en papel film transparente e deixamos que repouse na neveira durante, mínimo, 30 minutos. Pódese deixar tamén de un día para outro.
- Pesamos a masa, que pesará uns 250 gramos e facemos 10 boliñas de 25 gramos cada unha.
- Aplanámolas lixeiramente e colocámolas na bandexa do forno sobre papel de forno.
- Coa axuda da parte de atrás dunha culleriña, o mango redondo da culleriña ou a parte de atrás dun bolígrafo, imos marcando a bolachas para darlle forma de corazón, como vedes na imaxe. Poñemos o forno a quentar a 180ºC.
- Despois só temos que encher cada buratiño coa marmelada de framboesa.
- Enfornamos as bolachas a 180ºC durante 12 minutos.
Estas bolachas non levan moito azucre, mais non o precisan, pois coa marmelada xa saben doces abondo. Como vedes só saen 10 bolachas de corazón de marmelada. Se queredes máis, só hai que aumentar a cantidade de ingredientes. Se non sodes moi de limón, podedes botarlle anís ou vainilla. Eu como teño o limoeiro ao carón da casa, sempre tiro polo limón. Ademais de que me gusta como queda coa marmelada de framboesas.