Case vos diría que é imposíbel ver un semla (semlor en plural) e non meterlle unha boa trabada. A pinta é espectacular, uns boliños de cardamomo, recheos de crema de améndoas e unha chea de nata montada, cun toque de azucre en po, por se todo o demais fora pouco. Eu só con lelo, debo confesar que xa se me fai a boca auga.

Facer semlor non é algo complexo e aínda que os pasos non son poucos, o certo é que o resultado final é tan bo que compensa cada un dos minutos empregados na súa elaboración. A min, persoalmente, gústame moito o sabor a cardamomo, penso que lle dá un toque que o fai diferente a calquera bolo que teñades probado antes, polo que é un ingrediente indispensábel.

Eu souben deles como unha larpeirada sueca, mais os semlor son típicos tamén de Noruega, Finlandia, Islandia, Estonia, Dinamarca e as Illas Faroe, aínda que se coñecen con outros nomes. De feito, algúns dos nomes que se lles dan a estes boliños veñen a dicir, se traducimos literalmente, que son típicos de Entroido ou do martes de Entroido.

De feito, o seu día adoita ser o martes de Entroido, mais é ben sabido que se degustan especialmente durante a Coresma e a Pascua, polo que estamos no tempo, queridas larpeiras, de preparar estes pequenos anacos de paraíso. Non vos vou enganar é dicir que sexan unha lambetada saudábel, porque non o son, mais xa que estamos por larpeirear, que menos que facelo ben. E mirade que pinta teñen por dentro. Espectacular!

IngredientES
80 gramos de manteiga
300 ml de leite enteiro
25 gramos de fermento fresco
1/2 culleradiña de sal
100 gramos de azucre branco
1 culleradiña de cardamomo moído
600 gramos de fariña de forza
1 ovo para pintar
125 gramos de améndoa moída
125 gramos de azucre branco
50 ml de leite enteiro
1 culleradiña de cardamomo
300 ml de nata para montar
2 ou 3 culleradas de azucre branco
azucre en po para decorar
PREPARACIÓN
- Mesturamos a fariña e o sal.
- Derretemos a manteiga nun cazo a lume lento.
- Mesturamos o leite, o cardamomo moído, o fermento e o azucre.
- Sobre a mestura de fariña, engadimos a manteiga derretida e a mestura de leite.
- Amasamos, formamos unha bóla e deixamos repousar ata que dobre o seu volume. Unhas 2 ou 3 horas dependendo da temperatura.
- Formamos bóliñas de 60 gramos cada unha, pintámolas con ovo e deixamos que a masa repouse de novo ata que dobren o seu tamaño.
- Enfornamos a 200ºC durante 10 minutos.
- Para facer o recheo, mesturamos a améndoa moída, o azucre, o cardamomo e o leite.
- Para encher os boliños, podemos facelo de dúas maneiras. Ou ben facemos tres cortes coas tesoiras, sacando un triángulo da parte superior, ou ben cortamos cun coitelo a parte superior, que nos quedará redondiña.
- Enchemos o bolo coa mestura de améndoa.
- Montamos a nata co azucre e cunha manga pasteleira botamos ben de nata ata facer un morico ben alto.
- Poñemos o anaco que sacamos en enriba.
- E xa podemos botar ben de azucre en po para deixalos ben nevados.
Para facer estes semlor, empreguei a receita de Nina Olsson, unha cociñeira sueca que ten un restaurante de cociña nórdica en Barcelona. Eu engadinlle máis cardamomo porque eu devezo polo seu sabor, e penso que lle queda moi ben ao recheo tamén. Sexa como for, estes pequenos doces son un vicio difícil de resistir, e aínda a risco de resultar un chisco (ou moi) pesada, tedes que probalos porque vai ser amor a primeira trabada.