Restaurante O Balado

Restaurante O Balado

O Balado

Hoxe vouvos falar da experiencia gastronómica no restaurante O Balado (Ardesende, 3, Codeso, Boqueixón).

A miña primeira recomendación é que cheguedes a este fermoso lugar antes da hora de reserva. Recoñezo que por diversos motivos, síntome moi a gusto en Boqueixón, e a paisaxe que rodea o restaurante é especialmente fermosa. De feito, a só uns pasos da casa labrega de Marta e Roberto, podemos baixar ata o río Pontillón e seguir un anaco da ruta dos muíños do río Grande. Baixando por unhas escaleiriñas de madeira, veredes a igrexa de San Paio, na que antigamente se celebraban unhas boas romarías, un muíño que aínda conserva parte da maquinaria e o comezo do roteiro dos muíños a carón do río.

Codeso

Codeso

Codeso

Codeso

Voltando á casa labrega, baixamos por un camiño de pedras brancas e a man esquerda veremos parte da materia prima que empregan na cociña, galiñas de Mos e ovellas. É un pracer poder ver as ovellas e as galiñas correndo polo prado en liberdade, mostra do coidado e cariño que poñen Marta e Roberto en todo que fan. E a man dereita, veremos dous pequenos carteis que indican que cara alí poderemos ver as anguías e os queixos caseiros, dos que demos boa conta e cuxo sabor é sorpredentemente agarimoso.

Codeso

En canto entramos, recíbennos cun sorriso e indícannos a mesa onde xantaremos. E, de súpeto, levo dúas alegrías. A primeira, a lareira, lume prendido e caloriño por todo o salón. Un gustazo. E a segunda, a música. É ben certo que non soe ser algo no que preste moita atención, máis cando entro nun restaurante e soa unha das miñas cantantes galegas preferidas, decátome de contado. Polo que tomo asento a ritmo de Unha sombra de min, de Sés. O único que pasaba pola miña cabeza era que este xantar só podía ir a mellor.

Codeso

Ímonos erguendo e sentando mentres miramos a pizarra que está enriba da lareira, porque alí están escritos os pratos. Vaia lío temos! E todo porque nos gusta todo o que vemos. Chega Marta e explícanos tódolos pratos, un por un, detallando o que levan e como se fan, algo de agradecer, pois non sempre se dispón de dita información. Así que se antes tiñamos lío, agora aínda temos máis. O mellor nestes casos é deixarse aconsellar, e entre todos, coa axuda de Marta, decidimos probar un pouco de tódolos entrantes e despois cada un de nós escoller un segundo prato.

Mentres agardamos, tráennos un aperitivo. Auga de caldo caseiro, olivas galegas (de Entrimo) e aceite de arbequina galega. Todo moi saboroso, máis se teño que escoller un deles, quédome sen lugar a dúbidas coas olivas. Boísimas.

O Balado

Ao pouco tempo, chega o primeiro entrante, salmón afumado e vieiras afumadas. Aínda que xa probei salmón afumado en máis dunha ocasión, este estaba moi saboroso, cortado máis groso do que se soe ver (cousa que me gusta) e cun chisco de graxiña, que sempre lle queda moi ben, pois faino máis manteigoso. E en canto ás vieiras, foron unha gran sorpresa. Ningún de nós as probara así, e xa vos digo que o seu sabor non ten nada que ver co da vieira cociñada. Un dos pratos que máis gustou. Por certo, moi bo sabor o do prebe que acompañaba o prato (non quedou nin iso!). Non vos podo decir moi ben de que era, a min recordábame a algún prebe oriental.

O Balado

E aquí chega o segundo entrante. Tataki de atún con millo salgado e wasabi, prebe de soia, teriyaki, zume de laranxa e zume de limón, anchoas e queixo caseiro (20% ovella). Os que seguides o blogue, xa sabedes que devezo polo atún, e xunto cos millos salgados e o prebe, facían unha combinación excelente. En canto ás anchoas, aínda que non acostuma a ser un prato que me guste, polo seu sabor forte, estas, ao ser preparadas por eles, tiñan un sabor moito máis suave. E deixo para o final o queixo porque foi o que máis gustou. Unha textura moi cremoseira, suave, e un sabor e olor que fixeron as delicias de todos os comensais, incluso daqueles que non soi moi fans do queixo.

O Balado

E por último desta primeira volta, o terceiro entrante. Croquetas de guiso de luras e buñuelos de bacallau. A pesares de non ser un prato tan exótico como os anteriores, o seu sabor e textura gustaron a todos. As croquetas estaban perfectas, crocantes por fora e brandiñas por dentro. E os buñuelos estaban dourados e esponxosos no exterior, e máis húmidos no interior.

O Balado

Rematados xa os primeiros, tocaban os segundos pratos que escolleu cada un. Eu pedín costela de vaca, cociñada durante 18 horas a baixa temperatura cun toque de brasa na lareira como remate. Presentábase desosada e cortada en láminas, cun prebe cun toque de wasabi. O sabor impresionante! E unha comodidade para o comensal non ter que andar pelexando co óso.

O Balado

Aquí vos deixo fotos do año, o cochinillo e o rabo de vaca. Dicirvos que non sobrou nada e os comentarios das carnes foron todos moi positivos. As racións xa vedes nas fotos que son moi abundantes. E viñan acompañadas dunhas patacas da casa fritidas. Patacas con sabor de verdade.

O Balado

O Balado

O Balado

De sobremesa, había dúas opcións, ou ben crema de arroz con leite e tofe, ou ben escuma de maracuxá con xeado de coco. A crema estaba moi boa, non tiña arroz porque era só a crema, e o tofe estaba para relamber os dedos. E en canto á escuma, o sabor do maracuxá era incrible e moi fresco e quedaba certamente ben co xeado de coco, do que a pesares de non haber moito fan do coco na mesa, gustounos a todos.

O Balado

O Balado

O entorno moi agradable, a comida incrible e o trato tan agarimoso tanto de Marta como de Roberto fixeron que todos sairamos desexando voltar e cunha sensación de ter estado entre amigos ou en familia. Que cando saias xantar fora che fagan sentir tan ben, fai que a experiencia sexa aínda máis satisfactoria. Sen dúbida ningunha, recomendaría o restaurante O Balado a calquera que goce da boa cociña e do bo trato. E teño claro que non será a última vez que vaia.

Prezo medio: uns 30 euros

*Foto da portada sacada da páxina web do restaurante O Balado

2 thoughts on “Restaurante O Balado

  1. Encantoume a explicación paso a paso, xa mesmo me dan gañas de ir correndo a comer alí e poder disfrutar da comida e da boa paisaxe.Grazas pola información.Isabel

    1. Alégrome de que che gustara a explicación 🙂 De seguro que se vas, encántache, porque todo está boísimo e a contorna é ben fermosa. Moitísimas grazas polo comentario!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *