Chega a época dos figos e eu adoro comelos así, segundo paso pola figueira. Mais este ano aquí a amiga debeu estar contenta co tempo, e está completamente chea de figos. Ademais, o verán pasado había moitos que non se podían comer, porque estaban pochos ou tiñan vermes polo medio, mais este ano están absolutamente todos os figos en perfecto estado e sabor. E claro, unha non dá feito. E aínda que eu non son moito de marmeladas, si que me gusta moito facelas e agasallalas.

Como no blogue xa tiña unha receita de marmelada de figos, había que inventar algo novo desta vez. Nas redes comentáronmme que o romeu lle quedaba moi ben á marmelada de figos, así que había que probar. Mais tamén aproveitei para engadir outros ingredientes que tiña pola casa. E non sei se queda ben ou mal dicilo, pero quedou taaaaaaaan rica, que ata me está a custar non deixala todiña para min. Non é unha receita complicada, mais si que hai que adicarlle tempo, pois a marmelada precisa de lume lento e agarimo.

Ingredientes
2 quilos de figos frescos
550 gramos de azucre
1 laranxa relada
1 ramiña de romeu fresco
1 pauciño de canela
1 folla de loureiro
zume de 1/2 limón
Preparación
- Cortamos os figos en 4 e poñémolos nunha pota xunto co resto dos ingredientes. Deixamos repousar durante uns 40 minutos, removendo de cando en vez.


- A continuación, poñemos a pota ao lume e cociñamos a lume medio-baixo durante 30 minutos.

- Despois, sacamos a ramiña de romeu e cociñamos durante uns 45 minutos máis.

- Mentres, imos cocendo os botes e as tapas durante uns 20 minutos para esterilizalos. Gardámolas boca abaixo e enchemos coa marmelada cando aínda estean quentes.

Despois de encher os botes, tapamos e poñemos de novo a ferver uns 20 minutos para deixalos ao baleiro. Así, poden aguantar fóra da neveira case un ano. Sempre tendo coidado de que estean nun lugar fresco, escuro e seco. Cando a abrimos, si que debemos gardala na neveira, onde poderá estar uns 3 meses, tendo en conta que sempre se deberá botar a marmelada cunha culler ou coitelo limpos.
