Chegan certas épocas do ano, como agora a Pascua, e as redes énchense de receitas con ovos, chocolate, e coelliños. E si, estas receitas están xenial, por suposto. Sobre todo, porque o resultado adoita ser moi riquiño e é algo que as crianzas adoran. Agora ben, eu gosto moito das receitas tradicionais. A miña favorita segue a ser a tortilla de pan. Non só polo sinxela que é, senón tamén porque quizais non é tan coñecida, e porque, ademais, é unha receita familiar, cousa que sempre me alegra o corazón. En Grecia, en tamén en Chipre, os koulourakia son tradicionais destas datas. Son uns biscoitiños pequenos, lixeiramente crocantes por fóra e moi tenros por dentro. Fanse de moitas formas diferentes e teñen un sabor especial grazas a un ingrediente que eu descoñecía.

Este ingrediente é o mástique, unha resina branca que sae dunha árbore chamada lentisco. Antigamente, empregábase como goma de mascar, pola súa textura gomosa. O seu sabor aseméllase ao piñeiro ou o cedro. Estes anacos de resina tamén se coñecen como bágoas de Quíos, pola súa forma e o seu lugar de orixe. Como de sabor non é sinxelo atopar nada similar, e aquí non imos atopar mástique, simplemente deixaremos a receita sen este ingrediente. Non será o mesmo, estou segura, mais non vos preocupedes, que están boísimos igualmente!

Ingredientes
125 gramos de manteiga
100 gramos de azucre branco
1 ovo
uns 275 gramos de fariña
5 gramos de esencia de vainilla
30 gramos de zume de mandarina
3 gramos de fermento químico
1 belisco pequeno de bicarbonato
1 mandarina relada
1 ovo, 20 gramos de leite e un chisco de azucre para pintar os koulourakia
Preparación
- Imos traballar coas mans ou cunha culler, porque así queda moito mellor. Comezamos coa manteiga e o azucre, mesturando coas mans ata que quede unha mestura ben cremosa.

- Botamos o ovo e amasamos ata que estea integrado.

- Engadimos 6 culleradas de fariña e amasamos.

- Por outra banda, mesturamos o zume de laranxa, a vainilla, a reladura, o fermento e o bicarbonato. Veremos que fai unhas burbulliñas.

- E despois botámolo na masa xunto co resto da fariña. A fariña cómpre botala pouco a pouco, pois pode ser que precisedes un chisco máis, ou un chisco menos. Terá que quedar unha masa que non se pegue nas mans.

- Deixamos repousar 30 minutos.
- E agora toca facer as formas. Podedes facer as que máis vos gusten. Eu probei con estas porque eran as que me parecían máis sinxelas. Para que me quedaran todas iguais, e se fixeran no forno por igual, collín anacos de masa de 25 gramos. Para que sexa máis sinxelo darlles forma, podedes enfariñar un pouco as mans.

- Pintamos cada koulourakia coa mestura de ovo, procurando que non quede enchoupado de máis.

- Enfornamos co ventilador a 170ºC durante uns 11 minutos.

Non é unha masa moi sinxela de manexar, pero se enfariñades as mans, seravos moito máis sinxelo. Eu deixeinos durante 11 minutos e quedaron como os vedes, lixeramente douradiños. Non precisan nada para ser degustados, mais a verdade é que mollados nalgunha beberaxe, están ben bos tamén. A receita orixinal emprega laranxa, mais a min gústame moito o sabor que lle dá a mandarina. Por certo, as formas dos koulourakia, con esas S que van e veñen, representan o ciclo da vida. Polo demais, xa vedes que o paso a paso é moi sinxelo. E de seguro que as crianzas vos botan unha man para darlles forma á masa, e para comelos, claro! Que teñades boa Pascua, kukis!