Bolachas de estrugas

Bolachas de estrugas

Chega o soliño e eu xa comezo coa miña teima particular de facer receitas con todo aquilo comestíbel que atopo pola natureza. E as estrugas xa sabedes que son das miñas favoritas. Hoxe como facía sol, fun apañar outras poucas e púxenas a secar. O verán pasado puxen unhas poucas tamén e despois moínas e fixen po de estrugas. Vai moi ben para despois poder facer calquera receita. Eu xa tiña en mente facer bolachas con elas, e por iso as sequei. E non, non pican cando están secas, por se había a dúbida. O resultado deste experimento? Unhas bolachas de estrugas cun sabor espectacular! Non o ides crer, pero sen levar nada de chocolate, saben como a chocolate branco. E nótase moito o sabor a estruga e sabe taaaaaaaaaan ben! Que aínda non probastes nada con estrugas? Pois xa estades tardando, kukis!

Bolachas de estrugas
Bolachas de estrugas

A receita é moi sinxela. Típica receita de bolachas que é basicamente mesturar e enfornar. Eu fixen varias probas e así xa vos conto como facer para que queden o mellor posíbel. Non lles quixen engadir nada para que o sabor fose totalmente o das estrugas. E a verdade é que falta non lle fixo! Así que en canto saia un raiolo de sol, poñede luvas, collede tesoiras e animádevos a coller estrugas. Para secalas, e só poñelas ao sol. E en canto estean secas, moémolas nun muíño como os de café e xa está. Aguantan moídas moito tempo, polo que podedes facer unha boa cantidade e usalas cando precisedes. De 100 gramos de estrugas, quedaron 15 gramos de po porque, evidentemente, ao secaren, minguan moito.

Ingredientes para 14 bolachas

  • 115 gramos de manteiga a temperatura ambiente

  • 100 gramos de azucre branco

  • 100 gramos de azucre moreno

  • 1 belisco grande de sal

  • 1 ovo

  • 1 culleradiña de esencia de vainilla

  • 180 gramos de fariña triga

  • 1/2 culleradiña de bicarbonato

  • 15 gramos de po de estrugas

Preparación

  • Mesturamos os azucres, o sal e a manteiga.
  • Engadimos o ovo e a esencia de vainilla.
  • Mesturamos os ingredientes secos: fariña, bicarbonato e po de estrugas. E despois botámolo na mestura anterior. Eu sempre comezo amasando coa culler e acabo coa mans.Bolachas de estrugas
  • Poñemos o forno a quentar a 180ºC e deixamos a masa uns 15 minutos na neveira, para que sexa máis sinxela de manexar.
  • Facemos bólas de 40 gramos e poñémolas na bandexa do forno, deixando algo de oco entre elas, porque medran.Bolachas de estrugas
  • Enfornamos durante uns 9-11 minutos. Xa sabedes que isto depende moito de cada forno. Eu sácoas cando vexo que algunha delas comeza a ter unha beira máis douradiña. Bolachas de estrugas

Cando as saquedes do forno, notaredes que aínda están brandas. Non pasa nada, irán poñéndose máis duras segundo vaian arrefriando. O mellor é deixar que arrefríen sobre a grella do forno. Así, non súan e evitamos un extra de humidade. A textura é crocante por fóra e algo máis branda por dentro. Aguantan uns días nunha lata ou nunha bolsa cun peche hermético. Non vos podo dicir exactamente cantos, porque aquí máis de dous días é raro que duren.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.