Despois de tantas lambetadas de Antroido, unha xa actúa por antollos. E este ano tiña antollo de rosquillas. E xa tiña unha receita de rosquillas, as da miña avoa. Así que como xa sabedes que non me gusta repetir receita, tocou pedir receitas de novo. E así foi como dei con esta receita destas rosquillas de laranxa. Moi sinxelas de facer, cos ingredientes de sempre e cun sabor a laranxa moi especial.

Desta vez, fíxenas pequenas, de 20 gramos cada unha, e saen unhas 33 rosquillas. Podedes facelas máis grandes, ou modificar a cantidade de ingredientes para adaptalas ás vosas necesidades. Como é unha receita tradicional, non están as cantidades pesadas ao milímetro, polo que convén rectificar de fariña se vedes que non sodes quen de formalas ben.
Ingredientes para unhas 33 rosquillas de 20 gramos
2 ovos
3 culleradas de azucre por cada ovo (6 neste caso)
3 culleradas de zume de laranxa por cada ovo (6)
3 culleradas de aceite de oliva por cada ovo (6)**
1 belisco de sal
375 gramos de fariña
1 culleradiña de fermento químico
aceite de xirasol para fritir
azucre para rebozar as rosquillas
** O aceite de oliva é aceite no que se fritiu a pel da laranxa. Na preparación está a explicación.
Preparación
- Comezamos sacándolle a pel a unha laranxa (que despois usaremos para sacarlle o zume). Esta pel fritirémola no aceite de oliva que despois usaremos na masa das rosquillas. Non contedes a culleradas xustas, botade un pouco máis e poñede a fritir a pel, con coidado de que non se queime. Veredes que o aceite colle olor e sabor a laranxa. Agora hai que deixar que arrefríe.

- Mentres agardamos a que arrefríe, preparamos o resto dos ingredientes. Comezamos polos ovos, o azucre, o zume de laranxa e o belisco de sal. Batemos.

- Cando o aceite estea xa frío, engadimos tamén as 6 culleradas.

- Botamos o fermento químico e mais a fariña. Tede en conta que o tamaño dos ovos pode variar, así como a cantidade que medimos coas culleradas. Eu usei unha cullerada medidora, e non leva o mesmo que unha culler das de sempre, da sopa. Polo que coa fariña, ide con tino, cando vexades que enfariñando un pouco as mans, xa non se vos pega, xa está. Cómpre non botar fariña de máis para que non quede despois unha masa seca.

- Tapamos a masa e deixamos que repouse unha hora na neveira.
- A continuación, coas mans enfariñadas, collemos un anaco de masa de 20 gramos, facemos unha bóla e como se lle deramos un belisco, facémoslle o buratiño do medio.

- Despois fritimos en aceite de xirasol a lume medio.

- En canto as saquemos da tixola, pasámolas por azucre. Non botedes moito azucre porque cómpre ir renovándoo de cada vez, pois se colle aceite, despois non pega.

E xa estaría, kukis, unhas rosquillas que están de vicio. De verdade vos digo que é imposible comer só unha. Ademais, coa desculpa de que son pequenas… vai unha detrás de outra. Así que xa sabedes, tomade boa nota desta receita porque vai pasar a ser unha das vosas favoritas do Antroido.