
Achégase febreiro e, aínda que o lóxico é que xa esteamos a prepararnos para o Entroido, os cocidos, as filloas, as orellas… aínda queda un pequeno anaco de tempo para o amor. E é que febreiro, por se non o sabiades, é o mes no que casan os paxariños, especialmente pola Candeloria. E se hai unha cor que asociamos co amor, esa é a cor vermella. Estas bolachas red velvet están boísimas! E ademais son perfectas para agasallar.

Porque como xa vos dixen máis dunha vez, agasallar algo feito por nós é agasallar o máis prezado que temos, o noso tempo. Así que non hai desculpa posible, agora xa tedes a receita, e é moi sinxela. Poñédevos coas mans na masa e festexade o amor! Veredes que estas bolachas son un acerto si ou si.
Ingredientes para 6 bolachas
30 gramos de manteiga a temperatura ambiente
40 gramos de azucre
14 gramos de ovo
corante vermello en xel
1/2 culleradiña de esencia de vainilla
60 gramos de fariña triga
1 1/2 culleradas de cacao
1/4 culleradiña de bicarbonato
1 belisco de sal
1/2 cullerada de leite
30 gramos de chocolate branco
Preparación
- Comezamos mesturando a manteiga co azucre e batemos ata que fique unha masa ben cremosa.

- Engadimos o ovo (só temos que bater un ovo e pesar a cantidade que precisamos) e batemos de novo. Sen bater de máis.

- Botamos o corante en xel e ides batendo ata que vos guste a cor. E botamos tamén a vainilla.

- Nun bol, mesturamos os ingredientes secos: fariña, cacao, bicarbonato e sal. E imos engandindo aos pouco á mestura previa, xunto co leite.


- Cortamos o chocolate branco en anacos xeitosos e engadímolos, deixando uns poucos para poñer por riba das bolachas antes de enfornar.

- Facemos bólas duns 30 gramos cada unha. E poñémolas sobre a bandexa do forno, aplanándoas lixeiramente coa man.

- Engadimos os anacos de chocolate que tiñamos reservados e enfornamos durante uns 12 minutos ou ata que vexamos que polas beiras están xa feitas.

Deixamos que arrefríen totalmente na bandexa do forno. Aínda que custe (que sei que custa), non as saquedes ata que estean totalmente frías, para evitar que nos rompan, pois aínda están algo brandiñas. Para degustalas, sempre que levan anacos de chocolate, vailles ben poñelas no microondas uns 10 segundos para que o chocolate se derreta e queden aínda máis sabedeiras. Se lles poñedes un envoltorio bonito, ou as poñedes nun bote, teredes un agasallo ideal para festexar o amor.
