Cando comeza a asomar o outono, o noso pensamento adoita a levarnos a días de manta, chuvia, sofá e cousas quentiñas. E semella que os nosos niveles de enerxía están máis baixos do habitual. Máis sono, máis cansazo e máis preguiza. Así que ter á man groliños de inverno que fagan que a nosa enerxía mellore considerablemente sempre veñen ben.

E non, non son milagreiros nin moito menos. Mais si que é un xeito saudábel e rápido de engadir vitaminas e antioxidantes á nosa rutina diaria. E ademais, están boísimos! Que iso tamén se agradece. De feito, vouvos deixar 3 receitas diferentes para que as preparedes e escollades as que máis vos gusten e vos presten.
Ingredientes para os groliños de inverno
- Cítricos e xenxibre (3 botes de 60 ml)
Zume dunha laranxa
Zume dun limón pequeno ou 1/2 grande
1 anaco de 7 gramos de xenxibre fresco
1 culleradiña de mel
Un anaco de pementa de caiena
- Mazá e canela (3 botes de 60 ml)
4 mazás
Zume de 1/2 limón
1 culleradiña de canela en po
Un belisco de cravo moído
- Cúrcuma e mel (3 botes de 60 ml)
180 ml de auga morna
Zume de 1/2 limón
1/2 culleradiña de cúrcuma moída
1 culleradiña de mel
1 belisco de pementa negra moída
1 belisto de cardamomo moído
Preparación dos groliños
- Para o groliño de cítricos: Esprememos o limón e a laranxa.
- E batemos xunto co xenxibre e a caiena.
- Coamos cun coador para sacar os restos do xenxibre e mesturamos o mel. Probamos de sabor e gardamos nos botes na neveira.
- Para o groliño de mazá: Trituramos as mazás xunto co zume de limón.
- Pasamos todo polo coador e enadimos a canela e o cravo. Probamos de sabor, gardamos e á neveira tamén.
- Para o groliño de curcuma: Neste caso, só temos que mesturar todos os ingredientes e xa o teriamos preparado.
O groliño de cúrcuma convén tomalo morno e mellor pola mañá. Eu gardeino na neveira, mais dáballe un toque de microondas antes de o tomar. En canto ao groliño de cítricos ou o de mazá, saben moito mellor fresquiños e como teñen xenxibre, cravo e canela podemos tomalos despois de comer para que nos boten unha man coa dixestión. Como vos dicía, non son a apócema máxica de Panoramix, mais si que nos poden axudar a levar mellor estes cambios de tempo que sempre nos trae o outono. Probade as tres receitas e escollede cal delas se axusta máis aos vosos horarios, rutinas e padais, claro! Ademais, sempre se pode experimentar con outros ingredientes que vos gusten máis.