E xa que estamos de receitas con bolachas, non podían faltar as Petit Ecolier. Que teñen todo o que unha boa bolacha pode pedir. A parte crocante e manteigosa da bolacha, cun puntiño de sabor a sal. E a parte doce e moi suave do chocolate. Ademais, podemos escoller o chocolate que máis nos guste. Eu fíxenas de chocolate branco porque é o meu (non)chocolate favorito e o que me quedaba pola casa. O máis complicado aquí é ter o molde para facelas, porque polo demais non teñen dificultade ningunha. E por se non o sabiades, o seu nome vén de que, orixinalmente, no debuxo do chocolate aparecía un neno que ía á escola.

Aquí as cantidades que empreguei poden resultarvos un chisco raras. Basicamente porque non emprego un ovo enteiro. Mais o caso é que se usaba un ovo enteiro, tiña que facer moitas máis bolachas. E non quería facer bolachas de máis, que despois teño que comelas ou convidar a unha chea de xente 😉 Así, desta maneira, saíron unhas 12, que xa vos digo eu que ben se comen. Mais aínda así, a receita sae perfectamente. E o resto do ovo podedes empregalo para calquera outra receita, ou unha tortilla francesa.
Ingredientes
45 gramos de azucre en po
105 gramos de fariña triga
55 gramos de manteiga
10 gramos de ovo
1 chisco de vainilla
1 belisco de sal
150 gramos de chocolate branco, negro ou con leite
Preparación
- Derretemos o chocolate e botámolo nas formiñas da parte do chocolate. Deixamos que atempere e despois metémolo na neveira mentres preparamos as bolachas.

- Para as bolachas, mesturamos todos os ingredientes. Para o ovo, só temos que batelo e pesar os 10 gramos.

- Estiramos a masa a un grosor de 6 mm e gardámola na neveira durante unha hora.
- Facemos a forma das bolachas e enfornamos a 170ºC durante 10 minutos.

- Sacamos a bandexa do forno e agardamos a que arrefríen durante 20 minutos sen movelas da bandexa. Despois xa podemos sacalas e agardar a que arrefríen por completo.

- Cando estean frías, sacamos o chocolate da neveira, desmoldamos e poñemos un anaco de chocoate enriba de cada bolacha, axudándonos cun chisco máis de chocolate derretido para pegala ben.

Eu estes días de tanta calor, deixeinas na neveira e a verdade é que están de vicio porque as bolachas quedan super crocantes. Mais se non tedes esa posibilidade, ou non vai tanta calor, podedes conservalas perfectamente fóra da neveira nunha lata. E se non tedes o molde , podedes simplemente facer as bolachas de calquera forma e despois pegarlles un anaco de chocolate cun pouco de chocoalte derretido. E igual non qudan tan bonitas, mais estarán igualmente saborosísimas!