Clafoutis de framboesas

E seguimos coas framboesas! E como desta última vez collemos moitas, había que facer unha lambetada onde houbera sitio para todas! O clafoutis de framboesas é ideal porque a preparación é taaaaaan sinxela que estou segura de que calquera persoa a pode facer. Por moito que isto de enfornar non sexa o voso. E tampouco os ingredientes son nada raro. Coma sempre, unha desas receitas que me gustan a min.

Clafoutis de framboesas
Clafoutis de framboesas

E non, non cómpre ter framboesas porque se pode facer con calquera froita que vos guste ou teñades a man. A textura de clafoutis é como entre as tortiñas e un flan. Unha textura moi suave e cremosa, sen ser fariñenta. Aquí no blogue xa temos a versión con cereixas, que é a receita tradicional. Mais despois de probar a de framboesas, non sei que dicirvos, case que me gusta máis esta versión. E ademais, non hai que es sacar a carabuña!

Ingredientes

  • 320 gramos de framboesas

  • 150 gramos de fariña triga

  • 125 gramos de azucre + 1 cullerada para as framboesas

  • 4 ovos

  • 1 belisco de sal

  • 400 ml de leite

  • 1 chisco de esencia de vainilla

  • Azucre en po para decorar

  • Manteiga para o molde

Preparación

  • Preparamos un molde de 25 cm botándolle manteiga por toda a base e os laterais, cubrimos con papel de forno e engraxamos de novo. Clafoutis de framboesas
  • Poñemos as framboesas sobre a manteiga no molde e botamos unha cullerada de azucre por riba, repartindo ben por todas as framboesas.
  • Mesturamos o resto dos ingredientes: azucre, fariña, ovos, leite e vainilla.
  • E vertemos esta masa sobre as framboesas. Clafoutis de framboesas
  • Enfornamos a 200ºC durante uns 30 minutos ou cando o escarvadentes cravado no centro saia limpo. Clafoutis de framboesas

Eu sempre a deixei 30 minutos e sempre estivo no seu punto. Agora podemos decorala con azucre en po. E eu boteille tamén unhas folliñas de hortelá da horta. Aguanta varios días perfectamente sen perder o seu sabor. A masa do clafoutis non é especialmente doce, mais co sabor das framboesas queda perfecta.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.