Como xa sabedes, as masas non son o meu. Aínda que non sei por que, hai algunhas que desde o primeiro día foron un éxito. Unha delas é a Coca de San Xoán (ou coca de Sant Joan). De feito, a primeira vez que a preparei foi cando me convidaron á revetlla de Sant Joan, en Barcelona. Unha desas veces que te convidan e non queres chegar coas mans baleiras. E como cocas hainas por todas partes, pensei que se non me saía, ben podía mercala nalgunha tafona e levala. Así que o risco era cero. Cando comecei coa busca das receitas, xa me desanimei un chisco, por iso da miña relación amor-odio coas masas. Mais claro, non contaba eu con que tiña unha amiga da miña parte: a amasadora. Ai, que bendición! Mais don’t panic! Que amasando a man tamén sae!

Con esta receita sairanvos dúas cocas ben xeitosiñas. Case do tamaño da bandexa. Eu fíxena con amendoa laminada, azucre e froitas confeitadas, mais tamén podedes botarlle crema pasteleira e/ou piñóns. Tamén hai outras versións con chocolate ou con llardons (rixóns), mais fanse con outra masa máis finiña.

Ingredientes para 2 cocas
500 gramos de fariña de forza
200 gramos de leite enteiro
100 gramos de azucre branco
10 gramos de sal
120 gramos de manteiga a temperatura ambiente
1 ovo
60 gramos de lévedo fresco
20 gramos de auga de azar
1 limón e 1 laranxa relados
azucre, améndoa laminada e froita confeitada
1 ovo para pintar
Preparación
- Poñemos o leite a quentar un pouco no microondas ata que fique morno e desfacemos nel o lévedo.
- Agora temos que mesturar todos os ingredientes, agás a manteiga, e os ingredientes da decoración, e imos engadindo pouco a pouco o leite co lévedo mentres imos amasando. É unha masa moi pegañenta, mais debemos resistir a tentación de engadir máis fariña. O que temos que facer é seguir amasando ata que non se pegue nada nas mans. Durante os primeiros 20 minutos, aínda se pegará, mais despois xa irá mellorando. Evidentemente se tedes algunha máquina amasadora, este proceso é moito máis sinxelo e rápido. Neste caso, iremos comprando ata que non estea pegañenta.
- Agora imos engadindo a manteiga. Eu fíxeno en 4 tempos. Engadimos, amasamos ata que estea ben incorporada, e engadimos o seguinte. Así, ata que acabemos a manteiga. Deixamos repousar 15 minutos.
- Dividimos a masa en dous anacos, dámoslle forma de coca (o tamaño será de longo case como a bandexa do forno), tapamos cun pano e deixamos levedar durante 1 hora nun lugar cálido e sen ventilación.
- Cando xa estean levedadas, pintamos as cocas co ovo batido e poñemos o azucre remollado en auga, as froitas confeitadas, a améndoa laminada… ou o que lle queiramos botar á nosa coca.
- Enfornámolas durante uns 15 minutos a 180º co forno xa quente. Veremos que quedan douradiñas por fóra e moi esponxosas por dentro.
Como vedes, aquí o único que temos que facer é ter paciencia para amasar. O demais é só mesturar e deixar levedar. Se vedes que vai frío ou hai correntes, podedes deixar que a masa levede máis tempo. E se vos vedes moi larpeiros, xa sabedes, un pouco de crema pasteleira por riba antes de enfornar e teredes unha coca de crema espectacular. Ah! E xa vos digo que non hai mellor cousa para se recuperar despois dos saltos da cacharela e de mollar o pan coas sardiñas!