Este ano a framboeseira está tan fermosa que bota framboesas todos os días. E con este soliño maduran deseguida. Normalmente, xa van da framboeseira á boca. Mais despois de varios días de colleita, xa comezaba a apetecerme facer algunha lambetada con elas. E para que fose algo rapidiño, que digo eu que moitas ganas de estar cociñando ou de acender o forno moito tempo non hai, pensei nestas bolachas de framboesas e chocolate branco. Que xa vos digo, que se nunca probastes bolachas con framboesas, ides namorar! A framboesa dálle un toque entre acedo e salgado que queda de vicio co sabor doce da masa das bolachas.

Así que kukis, xa sabedes, atacade esa framboeseira ou facede unha inversión nunhas framboesas para poder preparar estas bolachas. E o mellor de todo é que tamén se poden facer con framboesas conxeladas, polo que esta receita vos valerá para calquera época do ano. O do chocolate branco é porque lle dá un sabor máis doce, que lle presta ben ás framboesas, mais se non sodes moito de choco branco, sempre podedes botarlle do negrou ou con leite. En canto a se usar pingas de chocolate ou chocolate en anacos, eu gosto máis de cortar o chocolate porque queda máis grande e nótase moito máis. As pingas useinas para a foto, iso si 😉

Ingredientes para unhas 13 bolachas
115 gramos de manteiga
110 gramos de azucre moreno
50 gramos de azucre branco
1 culleradiña de esencia de vainilla
1 xema dun ovo grande
190 gramos de fariña triga
1 belisco xeitoso de sal
1/4 de culleradiña de fermento químico
1/4 culleradiña de bicarbonato
115 gramos de chocolate branco
110 gramos de framboesas frescas ou conxeladas
Preparación
- Comezamos mesturando os azucres, a manteiga desfeita e a esencia de vainilla.
- Engadimos a xema de ovo e mesturamos.
- Por outro lado, mesturamos os ingredientes secos: fermento químico, bicarbonato, fariña e sal. E engadímolos tamén á mestura previa.
- Agora só temos que cortar o chocolate branco en anacos. Ou ben podemos tamén empregar pingas de chocolate branco.
- E despois engadimos as framboesas. Hai que ir con moito tino se son frescas, como eran as miñas, porque deseguida se desfán e fan que a masa quede húmida de máis. Tamén hai a opción de usalas conxeladas, ou conxelar as frescas. A miña recomendación é usar frescas e mesturar amodiño.
- Cunha culler (se a tedes de xeados, mellor), imos botando boliñas de masa.
- Enfornamos durante uns 18-20 minutos ou ata que vexamos que van collendo unha lixeira con marrón.
- Deixamos que arrefríen durante uns 5 minutos na bandexa do forno antes de sacalas.
- E poñémolas sobre unha grella ata que arrefríen totalmente.
Como vedes, basicamente é mesturar e enfornar. E con eses dous sinxelos pasos, teredes nas vosas mans estas bolachas que son unha auténtica marabilla. Xa vos confeso que pasaron a ser as bolachas máis ricas que fixen nunca. O contraste de sabores é tan especial, que non poderedes parar de comelas. De feito, canto antes as comades con estes calores, mellor. Para conservalas, como sempre coas bolachas, nunha lata ou nun bote hermético. Mais o meu consello é non deixalas moito na caixa, e desfrutalas. E se queredes que o chocolate fique derretido, uns segundiños no microondas e… puro vicio!