Bolachas de Pascua

Xa queda pouco para as vacacións de Pascua. E xa andarán as crianzas pola casa con moita gana de cociñar en familia. E se cociñamos lambetadas e receitas que son divertidas, pois de seguro que se animan moito máis! Estas bolachas de Pascua están moi boas e ademais quedan ben chulas cos coelliños e as cenorias. É unha masa que non precisa de arrefriarse na neveira, polo que se fan deseguida e poden axudar ata as crianzas máis pequechas. É só pesar ingredientes, mesturar, dar forma de bóla e enfornar. E ademais, nuns 12 minutos estarán xa listas. Iso si, ollo de non vos queimar!

Bolachas de Pascua
Bolachas de Pascua

Saen unhas 12 bolachas, cantidade perfecta para unha merenda pre-Pascua. E estou segura de que as crianzas teñen unha chea de ideas de como colocar os smarties para que queden unhas bolachas fermosísimas! Nesta casa non duraron nadiña. Como consello, para a próxima, fareinas tamén con anaquiños de smarties polo medio da masa. Así, aproveitamos os smarties que nos sobran e a bolacha sabe aínda mellor.

Bolachas de Pascua

Ingredientes para 12 bolachas

  • 115 gramos de manteiga algo brandiña

  • 90 gramos de azucre moreno

  • 50 gramos de azucre branco

  • 2 culleradiñas de extracto de vainilla

  • 1 ovo grande

  • 210 gramos de fariña triga

  • 1/2 culleradiña de bicarbonato

  • 1 belisco de sal

  • smarties, M&Ms ou lacasitos de cores

Preparación

  • Mesturamos os azucres coa manteiga ata que fique unha mestura cremosa. Pon o forno a quentar a 180ºC. Bolachas de Pascua
  • Engadimos a vainilla, o ovo e batemos de novo ata que estea todo ben mesturado.Bolachas de Pascua
  • E agora só queda botar tamén a fariña, o sal e o bicarbonato e mesturar de novo ata ter unha masa de bolachas algo brandiña.
  • Colocamos bolas de masa dunhs 40 gramos cada unha sobre unha bandexa de forno forrada con papel de forno. Cómpre deixarlles espazo para medrar.
  • Enfornamos durante uns 12 minutos ou ata que vexamos que colle unha lixeira cor dourada polas beiras.
  • Sacámolas do forno. Bolachas de Pascua
  • E mentres deixamos que arrefríen, colocamos os smarties. Podemos facer coelliños ou cenorias. Para os coelliños, poñemos un smartie de cabeza e dous de orellas. Poden ser das cores que máis os gusten. E para as cenorias precisamos un laranxa e 3 verdes. Como vedes na imaxe. Bolachas de Pascua

Agardo que aproveitedes estas datas para cociñar coas crianzas (ou non tan crianzas) e fagades estas bolachas de Pascua que ademais de estar boísimas, son súper chulas! Ah! E se as facedes, a mín faríame moita ilusión se me mandades algunha fotiño.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.