Si, os bunyols xa están bos de por si. De feito, xa fixemos unha receita deles, e mais dos brunyols aquí no blogue. Mais non podemos negar que cunha boa crema de chocolate coma esta, todo pode mellorar (aínda máis!) E aínda que vexades moitos pasos, non teñades medo a probar porque asegúrovos que estes bunyols de crema de chocolate son a larpeirada perfecta para que estes días antes das vacacións de Pascua pasen máis rápido. Que xa semella que están a tardar moito.

A receita, como vos dicía, ten uns poucos pasos máis dos que adoitan ter as receitas que temos no blogue. Mais a verdade é que eu prefiro que teña moitos pasos a que non quede ben explicado. Porque ás veces hai receitas con moitos ingredientes e moitos pasos, e non pasa nada. Non todo ten que ser en 15 minutos e con dous ingredientes, non si?

Ingredientes
- Para uns 40 bunyols
335 ml de leite
5 gramos de sal
8 gramos de azucre
85 gramos de fariña de forza
85 gramos de fariña triga
310 gramos de ovos
Unhas pingas de esencia de vainilla
2 gramos de fermento químico
170 gramos de manteiga
Aceite de xirasol para fritir
Azucre para rebozar
- Para a crema de chocolate
400 + 100 ml de leite
4 xemas de ovos
120 gramos de azucre
15 gramos de cacao
50 gramos de maicena
50 gramos de manteiga
Preparación
- Comezamos preparando a crema de chocolate. Para iso, botamos 400 ml de leite nunha pota/cazo e reservamos.
- Nun vaso, botamos os outros 100 ml de leite, engadimos a maicena e mesturamos ben ata que estea integrado.
- Nun cunco, botamos as xemas e mesturámolas xunto co azucre.
- Engadimos tamén o cacao, mesturando todo ben.
- A continuación, imos engandindo e mesturando pouco a pouco a mestura de ovos coa de leite e maicena.
- Agora só queda botar esta mestura sobre o leite que tiñamos no cazo e poñelo a lume medio-baixo ata que vaia espesando, sen deixar de remexer.
- Cando espese, deixamos que se cociñe durante un par de minutos. Sacamos do lume e engadimos a manteiga, batendo en todo momento.
- Botamos a crema nun cunco, tapamos con papel film transparente tocando a crema para que non faga unha capa, e deixamos que arrefríe totalmente.
- Se cando estea fría, vedes que perdeu algo da súa cremosidade, só temos que mesturala de novo e xa estará no seu punto óptimo. A crema podemos facela o día anterior, se nos vai mellor.
- Para facermos os bunyols, botamos nun cazo o leite, o azucre, o sal, a vainilla e a manteiga e quentamos ata que comece a ferver.
- En canto ferva, botamos as fariñas e o fermento todo dunha vez, remexemos ben e cando fique como unha masa, sacamos o cazo do lume.
- Agardamos a que arrefríe un pouco, mentres imos movendo a masa. Cando a masa estea un chisco máis fría, imos engadindo os ovos. (No meu caso foron 6 ovos, mais convén pesalos porque depende moito do ovo. Se tedes que sacar algo do ovo para chegar aos 310 gramos, batémolos e sacamos ovo ata que pesen iso).
- Para fritilos, cada quen ten a súa técnica. Eu dígovos como o fago eu. Poño unha cantidade sobre un papel de forno, poño a culler no aceite quente onde os imos fritir, doulle forma coa culler e bótoos no aceite quente. (Moito ollo coa temperatura do aceite. Se está moi quente, non medrarán ben, torraranse moito e collerán aceite. O lume ten que ser medio-baixo. Nunha cociña de indución, será no número 4, aproximadamente).
- Imos fritindo e escorrendo ben. Despois pasámolos por azucre. Podemos botarlle un pouco de anís antes de pasalos polo azucre.
- Agora só precisamos unha manga pasteleira para ir enchendo os bunyols coa crema de chocolate.
Xa vedes que a dificultade non é moita. E o mellor de todo é que estes bunyols de crema de chocolate son ideais para partillar. E se non é coresma tamén se poden facer, eh! Non precisamos nós de desculpa ningunha para facermos estas delícias. E se non vos gusta a crema de chocolate, podedes enchelos de crema pasteleira, de chocolate, de crema de Lotus, de nata… Vaia, as opcións son infinitas e adaptadas ao gusto de cada quen.