Se andades a buscar unha receita de bolachas para amantes do chocolate, estas bolachas de 3 chocolates son a opción perfecta. Son moi sinxelas de facer e non levan moito tempo. De feito, só precisamos 30 minutos de frío antes de enfornalas. Os ingredientes, aínda que vos poidan parecer moitos, non vos asustedes, son ingredientes dos de sempre, deses que temos pola casa. E si, levan anacos dos 3 chocolates. Por suposto podedes empregar pingas de chocolate, mais queda moito mellor cos anacos dos 3 chocolates cortados algo grandes, porque asi cando se derreten… son puro pracer chocolateiro.

E polo demais, basicamente mesturar, repousar e enfornar. O mais difícil destas bolachas é resistirse a comelas todas o mesmo día que se fan. E se vos gusta como quedan cando saen do forno, xa sabedes, un chisco de microondas antes de comelas para que se derretan os chocolates. Uns 10 segundos son suficientes. E se as queredes ter preparadas por se hai algún antollo ou hai visita, podedes conxelalas despois de darlles forma de boliñas.
Ingredientes
115 gramos de manteiga a temperatura ambiente
90 gramos de azucre moreno
50 gramos de azucre branco
1 culleradiña de esencia de vainilla
1 ovo grande
140 gramos de fariña triga
1/2 culleradiña de bicarbonato
1 culleradiña de maizena
40 gramos de cacao
1 belisco de sal
1 cullerada de leite
75 gramos de chocolate con leite, 75 gramos de chocolate negro e 75 gramos de chocolate branco
Preparación
- Batemos a manteiga cos azucres ata que fique unha masa cremosa.
- Engadimos a vainilla e o ovo, e batemos ata integrar todo.
- Agora botamos os ingredientes secos: fariña, bicarbonato, maizena, sal e cacao.
- Engadimos o leite e mesturamos de novo.
- Cortamos os chocolates en anacos xeitosos e engadímolos á masa, deixando uns poucos para despois de enfornar.
- Agora tapamos a masa e deixamos que arrefríe durante 30 minutos na neveira.
- Poñemos o forno a quentar a 180ºC e facemos bolas duns 35 gramos cada unha.
- Poñémolas sobre un papel de forno na bandexa, deixando espazo para que poidan medrar no forno.
- Enfornamos durante uns 10-12 minutos.
- Cando aínda estean quentiñas, colocamos os anacos de chocolate que tiñamos reservados e deixamos que arrefríen sobre a grella.
Xa vedes que non teñen dificultade ningunha. Estas bolachas teñen moito sabor a chocolate e os anacos colocados por riba despois de enfornar quédanlle moi ben. Así, asegurámonos de que todas as bolachas teñen moooito chocolate. E podedes colocar do sabor que máis vos preste. A súa textura é crocante por fóra e brandiña por dentro. Polas beiras quedan máis duras e por dentro moi cremosas. E se queredes probar outras bolachas de chocolate, non vos perdades estas, que tamén están de vicio!
