Whoopie Pies

Nunca probara eu a facer estas bolachas. E mira que houbo unha época que estaban por todos os lados. E teño que dicir que que mágoa non telas probado antes. Están boísimas e non vos teñen nada de complicación. As whoopie pies veñen sendo dúas bolachiñas medio abiscoitadas cun recheo cremoso. Disque son unha receita dos Amish e é a bolacha oficial do estado de Maine. Que por certo, grazas a isto, aprendín que hai estados que teñen a súa bolacha e a súa sobremesa oficial. Cal podería ser a nosa lambetada oficial? Habería estar complicado escoller só unha, non si?

Whoopie Pies
Whoopie Pies

O sabor das whoopie pies é especial. As bolachas teñen unha textura similar á dos biscoitos, mais cun sabor intenso a chocolate. A min o sabor recordoume ao dos brownies, para que vos fagades unha idea. E o recheo é cremoseiro de todo, e con sabor a queixo. Non é excesivamente doce, mais as bolachas si son larpeiras, polo que o equilibrio é perfecto. Non é unha receita complexa, e non se tarda nada de tempo en facer. Con esta receita saen 6 whoopie pies, é dicir, 12 bolachas.

Whoopie Pies

Ingredientes para 6 whoopie pies (12 bolachas)

  • Para a masa das bolachas
  • 120 gramos de chocolate negro do 70%

  • 30 gramos de manteiga

  • 60 gramos de ovos

  • 90 gramos de azucre

  • 90 gramos de fariña

  • 3 gramos de fermento químico

  • 1 belisco xeneroso de sal

  • 100 gramos de cacao

  • Para o recheo
  • 150 gramos de crema de queixo

  • 70 gramos de manteiga

  • 25 gramos de azucre en po

Preparación

  • Derretemos o chocolate xunto coa manteiga no microondas ata que estea ben mesturado.Whoopie Pies
  • Batemos os ovos xunto co azucre durante uns 5 minutos ata que a mestura fique cremosa. Whoopie Pies
  • Mesturamos ámbalas dúas mesturas.Whoopie Pies
  • E engadimos a fariña peneirada e máis o fermento e o sal, integrando con movemento suaves.Whoopie Pies
  • Deixamos a masa na neveira durante 15 minutos para que quede máis dura e manexable. Whoopie Pies
  • Formamos bólas de 30 gramos cada unha e aplanámolas lixeiramente cando as poñamos sobre o papel de forno na bandexa.Whoopie Pies
  • Polvilla cacao en po por riba e enforna a 180ºC durante uns 10 minutos. Deixamos arrefriar mentres imos preparando o recheo.Whoopie Pies
  • Tanto a manteiga como a crema de queixo deberán estar a temperatura ambiente. Se non o están, o meu consello é meter a manteiga un chisco no microondas ata que fique medio brandiña. Se non facemos asi, corremos o risco de que aparezan gromos. Agora só temos que mesturar todos os ingredientes e bater durante uns minutos ata que fique cremosa.
  • Poñemos o recheo nunha manga pasteleira ou nunha bolsiña de conxelar. Botamos a crema sobre unha das bolachas e tapamos coa outra. E faremos así con todas as metades.Whoopie Pies

Xa vedes que a dificultade non é moita. De feito, non se tarda nada e básicamente poderiase resumir en mesturar e enfornar. E se non vos presta este recheo, podedes empregar crema de chocolate, nata ou doce de leite, por exemplo. Ou simplemente facer as bolachas, e non poñerlles recheo. Non serían whoopie pies, mais estarían ben boas igualmente. Para conservalas, o mellor é deixalas na neveira. O recheo quedará máis duriño e aguanta uns días en perfectas condicións.

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.