Palmeiriñas con chocolate e pistacho

Levaba días con antollo de facer palmeiriñas. Xa fixera a versión salgada, mais faltábame a versión doce. E esta receita é tan sinxela, que semellaba un pouco absurdo non facer estas palmeiriñas con chocolate e pistacho e quitarme o antollo dunha vez. Non vos vou negar que me amolou o feito de que non me quedaran coa forma tan ben feita como a outra vez. Mais por outra banda pensei, por que nos esforzamos tanto en que todo sexa perfecto? Ten bo sabor? Si. Ten boa pinta? Tamén. Pois non precisan ser perfectas.

Palmeiriñas de chocolate e pistachos
Palmeiriñas de chocolate e pistacho

Así que aquí van estas palmeiriñas imperfectas que teñen un sabor súper doce e moi acaramelado. E por se así fóra pouco, tamén lle botamos un chisco de chocolate branco e uns pistachos picados, porque así quedan máis bonitas aínda. A dificultade, ningunha. Isto faise case cos ollos pechados. O máis difícil, quizais, é conseguir unha boa masa de follado. Polo demais, só dobrar e botar azucre. E o resto, sempre o podedes facer como máis vos preste. Aquí como somos seareiras do chocolate branco, foi asi. Mais con chocolate negro e un chisco de sal tamén quedan de vicio.

Palmeiriñas de chocolate e pistachos

Ingredientes

  • 1 masa de follado rectangular

  • azucre branco

  • chocolate branco

  • pistachos picados

Preparación

  • Botamos azucre sobre a masa de follado e cun rolo de amasar apretamos lixeiramente para que o azucre entre na masa.Palmeiriñas
  • Despois imos dobrando a masa ata que cheguen os dous extremos un a carón do outro.
  • Só temos que xuntalos e ir cortando cun coitelo ben afiado.Palmeiriñas
  • Poñémolos sobre un papel de forno na bandexa, deixando un espacio entre elas, pois medran abondo.Palmeiriñas
  • Enfornamos durante uns 10 minutos a 200ºC ata que vexades que comezan a quedar douradiñas. O tempo depende moito do forno.Palmeiriñas
  • Derretemos o chocolate branco e bañamos unha metade da palmeiriña. Ou toda, iso xa a gustos.
  • Botamos por riba os pistachos picados e deixamos que o chocolate se poña duro.Palmeiriñas

Agora xa temos as nosas palmeiriñas no seu punto. Cómpre non tardar moito en comelas porque a masa perde textura. Por abaixo o azucre queda acaramelado e a textura fica moi crocante. E o demais, só axuda a que aínda saiban mellor. Así que, o meu consello é que sigades o meu antollo e as preparedes tamén.

Palmeiriñas de chocolate e pistachos

Leave a Comment

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.