2 de febreiro. E que pasa este día? Pois que para moitas persoas, este é o día dos namorados. E por que? Porque o Día da Candeloria é o día no que casan os paxariños. A partir da candeloria, ningunha ave voa soa, di o refrán. Así que para festexar este día, imos facer uns corazóns de amorodo que son do máis sinxelo e do máis sabedeiro. E porque non hai mellor agasallo que algo feito por nós.

Se non tedes molde con forma de corazón, non pasa nada, pódense facer de calquera forma. O único do que nos temos que lembrar é de facerlle o interior da nesma forma, pois aí irá a crema de queixo. E se non gostades dos amorodos ou preferides empregar outra froita, adiante. Tamén se pode facer con marmelada. Iso xa a gustos. Con amorodo queda realmente ben, e non se fan doces de máis.

Ingredientes para 18 corazóns
150 gramos de crema de queixo
20 gramos de eritritol ou azucre
20 gramos de fariña triga
Amorodos
Unha masa de follado rectangular
Leite e azucre para botar por riba
Azucre en po para polvillar despois de enfornar
Preparación
- Cun cortabolachas de corazón, imos cortando corazóns na masa de follado.
- Colocámolos sobre un papel de forno na bandexa e cun coitelo facemos outro corazón máis pequeno no interior, como vedes na imaxe. (Kukiconsello: é mellor facer primeiro unha metade do corazón e despois a outra coa bandexa xirada)
- A continuación, mesturamos a crema de queixo coa fariña e o adozante.
- E cunha manga pasteleira ou unha bolsiña de plástico cun burato, imos botando esta crema sobre o corazón interior.
- Despois cortamos os amorodos en anacos e poñémolos por riba da crema.
- Pintamos os bordes da masa con leite.
- E polvillamos con azucre.
- Enfornamos a 180ºC durante uns 15 minutos ou ata que vexades que os bordes fican douradiños.
- Agora só temos que botar un pouco de azucre en po por riba e xa están preparados.
Como vedes, estes corazóns de amorodo non teñen ningunha ciencia. É basicamente darlle a forma, botar a crema e a froita e enfornar. Para ser unha receita tan básica, o resultado está ben rico. Aquí na casa foi un éxito e xa vos digo que están desexando repetir. Queda cunha textura crocante polo exterior e cun interior cremoso e con sabor a amorodo. Animádevos a preparar estes corazóns de amorodo cando xa teñades amorodos na horta e xa veredes que bos están.
